Apicultura
| Apicultura | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||
A apicultura é unha actividade agropecuaria que consiste na cría e explotación de abellas domésticas. En Europa a abella máis empregada é a do xénero Apis, normalmente Apis mellifera, con diferentes subespecies ou variantes rexionais. A cría e explotación de melipónidos (abellas sen aguillón produtoras de mel) que se dá nas rexións tropicais e subtropicais denomínase meliponicultura.

Historia
[editar | editar a fonte]
Nas pinturas rupestres do mesolítico presentes na Cova da Araña, en Bicorp, hai escenas da recolección do mel. Aínda que é difícil a súa datación, calcúlase que estas pinturas poderían ter entre 7 000 e 8 000 anos de antigüidade. No Mesolítico (hai entre 12 000 e 7 000 anos), o ser humano comezou a apañar o mel de colmeas silvestres e no Neolítico aprendeu a controlar os enxames.
Existen datos históricos que sinalan a existencia de prácticas apícolas antes da época dos exipcios, os cales trasladaban as súas colmeas en embarcacións ao longo do río Nilo. Hai papiros de hai 4 400 anos que recollen esta práctica.
A deusa grega Artemisa, despois Diana para os romanos, era representada nas moedas[1] co cuño dunha abella, arredor do ano 480 a. C. Na Tracia tamén foi moi común o cuño de moedas cunha abella. Os romanos, tamén practicaron a apicultura, herdaron as prácticas helénicas e fixeron delas un obxecto de culto. Os poetas xeórxicos dedicaron obras á descrición dos instintos, das costumes e da intelixencia das abellas e á súa explotación racional.
Ata o descubrimento de América o único edulcorante coñecido era o mel. O inicio do cultivo da cana de azucre e a remolacha azucreira fixo recuar a apicultura sensiblemente. Con todo a súa práctica non se interrompeu en ningún momento.
Técnica
[editar | editar a fonte]
As técnicas apícolas teñen como obxectivo prestarlles ás colonias de abellas os coidados necesarios para que poidan producir un excedente daqueles produtos que son capaces de elaborar. O apicultor colleita estes produtos para satisfacer as necesidades que ten deles ou para comercializalos. Un beneficio indirecto do pecoreo das abellas corresponde á polinización que realizan estes insectos e que é imprescindible para a agricultura.[2]
As colonias de abellas poden provir da enxamia (natural ou forzada) doutra colonia, do transvasamento dunha colonia ou colmea rústica, ou da instalación dun núcleo ou paquete de abellas proporcionado por outro apicultor.
A apicultura moderna comeza a fins do século XIX, cando se comeza a acadar un alto grao de desenvolvemento grazas aos traballos de estudosos como Georges de Layens, Lorenzo Langstroth, Charles Dadant, Charles Paix Debeauvoys, Samuel Wagner, Karl Kehrle, Julius Hoffman, Moses Quinby,