Unha consoante uvular é unha consoante articulada coa parte posterior da lingua colocada contra ou preto da úvula, é dicir, máis atrás na boca que as velares. As consoantes uvulares poden ser oclusivas, fricativas, nasais, róticas ou aproximantes (aínda que a carta do AFI carece dun signo específico para a aproximante, e úsase o signo da fricativa afectada de diacríticos). As africadas uvulares son posibles pero tipoloxicamente son escasas (aparecen nalgúns dialectos meridionais de alto alemán, así como nalgunhas linguas indíxenas de América, mesmo é posible atopar africadas uvulares exectivas no lillooet e no xeorxiano).
Nas linguas do mundo as consoantes uvulares aparecen en moitas linguas africanas e de Oriente Medio (por exemplo, no árabe), nas linguas indíxenas de América e nalgunhas áreas do Cáucaso. Porén, están totalmente ausentes no Pacífico (linguas australianas, linguas papúas e linguas austronesias). Nalgunhas partes do Cáucaso e o noroeste de Norteamérica, practicamente tódalas linguas posúen oclusivas e fricativas uvulares.