Hipoglicemia
| Hipoglicemia | |||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||||||||
| Características | |||||||||||||||||||||||||
|
Especialidade médica
| |||||||||||||||||||||||||
|
Síntomas
| |||||||||||||||||||||||||
|
Tratamentos posibles
| |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||||||||||

A hipoglicemia[1], nivel de azucre/glicosa sanguíneo baixo ou baixada de azucre, é unha caída por debaixo do normal dos niveis de azucre sanguíneo, normalmente por debaixo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L).[2][3] O termo tríade de Whipple utilízase para identificar con propiedade os episodios hipoglicémicos.[4] Esta tríade defínese como un nivel de glicosa sanguínea por debaixo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L), síntomas asociados coa hipoglicemia e a resolución dos síntomas cando o azucre sanguíneo torna ao nivel normal.[2] A hipoglicemia pode orixinar dor de cabeza, cansazo, torpeza, problemas para falar, confusión, ritmo cardíaco rápido, suoración, tremores, nerviosismo, fame, perda de consciencia, convulsións ou morte.[2][3][4] Os síntomas normalmente aparecen rápido,[2][5] e poden permanecer incluso algún tempo despois de que se elevase o nivel de azucre sanguíneo.
A causa máis común da hipoglicemia son os medicamentos para tratar a diabetes, como a insulina, sulfonilureas e biguanidas.[3][4][6] O risco é maior para os diabéticos que comeron menos do habitual, se exercitaron recentemente ou tomaron alcohol.[2][3][4] Outras causas da hipoglicemia son doenzas graves, sepse, insuficiencia renal, doenzas hepáticas, deficiencia de hormonas, tumores como os insulinomas ou tumores de células non-B, erros conxénitos do metabolismo e varios medicamentos.[2][4][3] A hipoglicemia pode ocorrer en neonatos que polo demais están sans que non comeron durante algunhas horas.[7]
A hipoglicemia trátase comendo alimentos ou bebidas azucrados, por exemplo, tabletas ou xeles de glicosa, zume de mazá, refrescos con azucre ou caramelos.[2][3][4] A persoa afectada debe estar consciente e con capacidade de tragar.[2][3] Debería consumirse 10–20 gramos dun carbohidrato para elevar os niveis de glicosa a un mínimo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L).[3][4] Se unha persoa non pode tomar alimentos pola boca, pode ser eficaz unha inxección ou insuflación de glicagón.[2][3][8] O tratamento da hipoglicemia non relacionada coa diabetes inclúe tratar o problema subxacente.[3][4]
Nas persoas con diabetes, a prevención empeza por coñecer os signos e síntomas da hipoglicemia.[3][4] Os medicamentos para a diabetes, como a insulina, sulfonilureas e biguanidas poden tamén axustarse ou pararse para previr a hipolglicemia.[3][4] Recoméndanse tests frecuentes e rutineiros de glicosa sanguínea.[2][3] Para algúns pacientes os monitores de glicosa continuos con bombas de insulina son útiles na xestión da diabetes e a prevención da hipoglicemia.[3]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo hipoglicemia significa 'azucre sanguíneo baixo', procedente do grego ὑπογλυκαιμία, de ὑπο- hypo- 'debaixo' + γλυκύς glykys 'doce' + αἷμᾰ haima 'sangue'.[9]
Definición
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia é ter un nivel de azucre no sangue por debaixo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L).[3][5]
Os niveis de azucre sanguíneos flutúan de forma natural ao longo do día, e o corpo normalmente mantén niveis entre 70 e 110 mg/dL (3,9–6,1 mmol/L).[3][4] Aínda que 70 mg/dL (3,9 mmol/L) é o límite inferior da glicosa normal, os síntomas da hipoglicemia xeralmente non ocorre ata que o azucre sanguíneo baixa ata os 55 mg/dL (3,0 mmol/L) ou menos.[3][4] O nivel de glicosa sanguíneo ao cal se desenvolven os síntomas da hipoglicemia en alguén con varios episodios previos de hipoglicemia pode ser incluso menor.[4]
Tríade de Whipple
[editar | editar a fonte]Os síntomas de ter un nivel de azucre sanguíneo baixo por si sós non son específicos dabondo como para caracterizar un episodio hipoglicémico.[4] Unha soa lectura do azucre sanguíneo por debaixo de 70 mg/dL tampouco é específica para caracterizar un episodio hipoglicémico.[4] A tríade de Whipple é un conxunto de tres condicións que se deben cumprir para caracterizar con precisión un episodio hipoglicémico.[4]
As tres condicións son as seguintes:
- Aparecen os signos e os síntomas da hipoglicemia (ver sección de máis abaixo sobre Signos e síntomas).[4][10]
- Hai unha medida de azucre sanguíneo baixo, normalmente de menos de 70 mg/dL (3,9 mmol/L).[4]
- Os signos e síntomas da hipoglicemia desaparecen despois de que os niveis de glicosa sanguíneos tornan ao normal.[4]
Idade
[editar | editar a fonte]A maior diferenza entre os niveis de glicosa sanguíneos entre os adultos e a poboación pediátrica ocorre en neonatos durante as primeiras 48 horas de vida.[7] Despois das primeiras 48 horas de vida, a Sociedade Endócrina Pediátrica cita que hai pouca diferenza no nivel de glicosa sanguíneo e o uso de glicosa entre adultos e nenos.[7] Durante o período neonatal de 48 horas, o neonato axusta os niveis de glicagón e adrenalina que tiña no momento do parto, o cal pode causar unha hipoglicemia temporal.[7] Como resultado, foi difícil elaborar directrices sobre a interpretación e o tratamento da glicosa sanguínea baixa en neonatos con menos de 48 horas de vida.[7] Seguindo esta revisión dos datos, a Sociedade Endócrina Pediátrica concluíu que os neonatos de menos de 48 horas empezan a responder á hipoglicemia a uns niveis de glicosa séricos de 55–65 mg/dL (3,0–3,6 mmol/L).[7] Isto contrasta co valor en adultos, nenos, e meniños de máis de 48 horas, que é de aproximadamente 80–85 mg/dL (4,4–4,7 mmol/L).[7]
En nenos de máis de 48 horas, a glicosa sérica como media está entre 70 e 100 mg/dL (3,9–5,5 mmol/L), similar á dos adultos.[7] Os pacientes vellos e os que están tomando pílulas para a diabetes como sulfonilureas é máis probable que sufran un episodio grave de hipoglicemia.[11][12] A tríade de Whipple utilízase para identificar a hipoglicemia en nenos que poden comunicar os seus síntomas.[7]
Signos e síntomas
[editar | editar a fonte]Os síntomas hipoglicémicos divídense en dúas categorías principais.[3] A primeira categoría é a dos síntomas causados pola baixada de glicosa no cerebro, chamados síntomas neuroglicopénicos.[3] A segunda categoría é a dos de síntomas causados pola reacción do corpo á baixada de azucre no sangue, chamados síntomas adrenérxicos.[3]
| Síntomas neuroglicopénicos | Síntomas adrenérxicos |
|---|---|
|
|
| Referencias:[2][3][4][5][13][14][15] | |
Todo o mundo experimenta diferentes síntomas da hipoglicemia, de tal xeito que alguén con hipoglicemia pode non ter todos os síntomas da táboa de arriba.[3][5][13] Os síntomas tamén adoitan ter un comezo rápido.[5] É importante obter rapidamente unha medida de glicosa sanguínea na persoa que presente os síntomas para identificar axeitadamente o episodio hipoglicémico.[5][4]
Causas
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia é máis común nos diabéticos tratados con insulina, glinidas e sulfonilureas.[3][4] É rara en persoas que non teñen diabetes, porque hai moitos mecanismos reguladores que manteñen un balance axeitado da glicosa, a insulina e o glicagón.[3][4]
Diabéticos
[editar | editar a fonte]Medicamentos
[editar | editar a fonte]A causa máis común da hipoglicemia en diabéticos son os medicamentos para tratar a diabetes, como a insulina, sulfonilureas e biguanidas.[3][4][6] Isto adoita deberse a doses excesivas ou non tomadas nos momentos correctos.[3] Por veces, os diabéticos poden tomar insulina antes dunha comida ou refrixerio; esquecéndose despois de realmente comer dita comida ou refrixerio, o que orixina hipoglicemia.[3] Isto causa un incremento da insulina sen presenza da glicosa procedente da comida planeada e non realizada.[3]
Non recoñecemento hipoglicémico
[editar | editar a fonte]Os episodios recorrentes de hipoglicemia poden levar a un non recoñecemento hipoglicémico, ou diminución da capacidade de recoñecer ou ser consciente da hipoglicemia.[16][17][18] A medida que os diabéticos experimentan máis episodios de hipoglicemia, diminúe o nivel de glicosa sanguíneo que desencadea os síntomas da hipoglicemia.[16][17][18] Noutras palabras, as persoas que recoñecen ben a hipoglicemia experimentan síntomas de hipoglicemia a un nivel de glicosa sanguínea de 55 mg/dL (3,0 mmol/L).[3][4] Porén, aqueles con non recoñecemento hipoglicémico experimentan os síntomas da hipoglicemia a niveis moito máis baixos de glicosa sanguínea.[16][17][18] Isto é perigoso por varias razóns.[16][17][18] A persoa hipoglicémica non só aumenta a percepción da hipoglicemia a niveis de glicosa sanguínea moi baixos, senón que tamén necesita altos niveis de carbohidratos ou de glicagón para recuperar o seu nivel de glicosa sanguíneo normal.[16][17][18] Estes individuos están tamén e con diferenza en maior risco de ter hipoglicemia grave.[16][17][18]
Mentres que a causa exacta do non recoñecemento hipoglicémico aínda se está a investigar, pénsase que estes individuos empezan progresivamente a desenvolver poucos síntomas de tipo adrenérxico, o que ten como resultado a perda de síntomas de tipo neuroglicopénico.[17][18] Os síntomas neuroglicopénicos son causados pola baixada da glicosa no cerebro e poden orixinar cansazo, confusión, dificultade ao falar, convulsións, e perda de coñecemento.[3] Os síntomas adrenérxicos son causados pola reacción do corpo á baixada de glicosa no cerebro, e poden orixinar taquicardias, suoración, nerviosismo e fame.[3] Ver a sección sobre Signos e síntomas para máis explicacións dos síntomas neuroglicopénicos e adrenérxicos.
En canto á epidemioloxía, o non recoñecemento hipoglicémico ocorre no 20–40 % dos diabéticos de tipo 1.[16][18][19]
Outras causas
[editar | editar a fonte]Outras causas da hipoglicemia en diabéticos son as seguintes:
- Xaxún, tanto se é un xaxún planeado coma durante a noite, xa que hai un longo período de tempo sen consumir glicosa.[2][3]
- Exercitarse máis do usual, xa que orixina un maior uso de glicosa, especialmente polos músculos.[2][3]
- Beber alcohol, especialmente cando se combina con medicamentos para diabéticos, xa que o alcohol inhibe a produción de glicosa.[2][3]
- Insuficiencia renal, xa que a insulina non pode eliminarse da circulación ben.[3]
Non diabéticos
[editar | editar a fonte]Doenzas graves
[editar | editar a fonte]Algunhas doenzas graves en diversos sistemas orgánicos poden orixinar un nivel de azucre sanguíneo baixo[2][3][4][20] como un problema secundario.[3][4] A hipoglicemia é especialmente común e persoas que están na unidade de coidados intensivos de hospitais ou naquelas nas que se lles retira a alimentación e bebida como parte do seu tratamento.[3][20]
A sepse, unha causa común da hipoglicemia en doenzas graves, pode causar hipoglicemia de moitas maneiras.[3][20] Nun estado de sepse, o corpo usa grandes cantidades de glicosa como fonte de enerxía.[3][20] O uso de glicosa aumenta máis pola produción de citocinas.[3] As citocinas son proteínas producidas polo corpo en situación de estrés, especialmente cando se loita contra unha infección.[3] As citocinas poden inhibir a produción de glicosa, diminuíndo así aínda máis os almacéns de enerxía do corpo.[3] Finalmente, o fígado e os riles son sitios de produción de glicosa, e nun estado de sepse eses órganos non reciben suficiente oxíxeno, orixinando un decrecemento da produción de glicosa debido a danos no órgano.[3]
Outras doenzas graves que poden causar hipoglicemia son as insuficiencias hepática e renal.[3][20] O fígado é o sitio principal de produción de glicosa no corpo e calquera insuficiencia hepática ou dano hepático orixina unha diminución da produción de glicosa.[3][20] Aínda que os riles son tamén sitios de produción de glicosa, a súa falta de produción de glicosa non é suficientemente significativa como para causar hipoglicemia.[3] Ao contrario, os riles son responsables de eliminar a insulina do corpo e cando esta función está impedida na insuficiencia renal, a insulina permanece na circulación por máis tempo, favorecendo a hipoglicemia.[3]
Fármacos
[editar | editar a fonte]Identificáronse varios medicamentos que poden causa hipoglicemia, por diversas vías.[3][4][21] Hai probas de moderada calidade que implican ao antiinflamatorio non esteroide indometacina e ao antimalárico quinina.[3][4][21] Probas de baixa calidade implican ao litio, usado para o trastorno bipolar.[4][21] Finalmente, probas de moi baixa calidade implican varios medicamentos contra a hipertensión, como os inhibidores do encima que converte a anxiotensina (tamén chamados inhibidores ACE), bloqueadores do receptor da anxiotensina (tamén chamados ARBs), e os bloqueantes β-adrenérxicos (tamén chamados beta bloqueantes).[3][4][21] Outros medicamentos con probas de moi baixa calidade son os antibióticos levofloxacina e Trimetoprim-sulfametoxazol, bloqueador da proxesterona mifepristona, o antiarrítmico disopiramida, o anticoagulante heparina e o quimioterapéutico mercaptopurina.[4][21]
Se unha persoa sen diabetes toma accidentalmente medicamentos que se usan tradicionalmente para tratar a diabetes, iso pode causar tamén hipoglicemia.[3][4] Entre estes medicamentos están a insulina, glinidas e sulfonilureas.[3][4] Isto pode ocorrer por erros médicos nas instalacións de atención sanitaria ou por erros na farmacia, o que tamén se chama hipoglicemia iatroxénica.[3]
Administración de insulina innecesaria
[editar | editar a fonte]Cando os individuos toman insulina sen necesitalo, para inducir deliberadamente a hipoglicemia, isto denomínase uso subrepticio da insulina ou hipoglicemia artificial.[3][4][22] Algunhas persoas poden usar a insulina para inducir a perda de peso, mentres que noutros isto pode deberse a finxir estar enfermo ou trastorno artificial, que é un trastorno psiquiátrico.[22] O uso inapropiado da insulina é máis común en persoas que estiveron expostas á xestión da diabetes, como traballadores sanitarios, persoas que teñen familiares diabéticos, ou as propias persoas con diabetes.[3][22] O modo clásico para identificar o uso subrepticio da insulina é por análises de sangue que revelan niveis altos de insulina con baixo nivel de péptido C e proinsulina.[3][22]
Abuso do alcohol
[editar | editar a fonte]A produción de glicosa é bloqueada polo alcohol.[3] En persoas que non fan un uso adecuado do alcohol, a hipoglicemia pode aparecer por unha bebedeira de varios días de alcohol asociada con pouca ou ningunha inxestión de alimentos.[2][3] A causa da hipoglicemia é multifactoriall, e o glicóxeno acaba gastándose en estado de fame.[3] Os almacéns de glicóxeno non poden despois ser enchidos de novo debido á falta de consumo de alimentos, e todo isto en conxunto produce unha inhibición da produción de glicosa polo consumo de alcohol.[3]
Deficiencia hormonal
[editar | editar a fonte]Os nenos con insuficiencia renal primaria, tamén chamada enfermidade de Addison, poden experimentar hipoglicemia despois de períodos longos de xaxún.[3] A enfermidade de Addison está asociada con niveis cronicamente baixos da hormona do estrés cortisol, o que leva a unha diminución da produción de glicosa.[3]
O hipopituitarismo, que orixina a diminución da hormona de crecemento, é outra causa de hipoglicemia en nenos, especialmente con longos períodos de xaxún ou aumento de exercicio.[3]
Erros metabólicos conxénitos
[editar | editar a fonte]Os erros metabólicos conxénitos son un grupo de trastornos xenéticos raros que están asociados cunha degradación ou almacenamento inapropiados de proteínas, carbohidratos, ou ácidos graxos.[23] Os erros metabólicos conxénitos poden causar hipoglicemia en meniños, e moito menos comunmente hipoglicemia en adultos.[23]
Os trastornos que están relacionados coa degradación do glicóxeno, chamados enfermidades de almacenamento do glicóxeno, poden causar hipoglicemia.[3][23] Normalmente, a degradación do glicóxeno orixina un incremento dos niveis de glicosa, especialmente en estado de xaxún.[3] Porén, nas enfermidades de almacenamento do glicóxeno, o glicóxeno non pode ser degradado debidamente, causando un descenso dos niveis de glicosa inapropiado en estado de xaxún, e así a hipoglicemia.[3] Entre as enfermidades de almacenamento do glicóxeno asociadas coa hipoglicemia están a de tipo 0, a de tipo I, a de tipo III e a de tipo IV, así como a síndrome de Fanconi.[3]
Algunhas acidemias orgánicas e de aminoácidos, especialmente as que implican a oxidación de ácidos graxos, poden levar a síntomas de hipoglicemia intermitente,[24][25] como por exemplo en aciduria malónica e metilmelónica combinada,[26][27][28] acidemia propiónica[29][24] ou acidemia metilmalónica illada.[29][24]
Insulinomas
[editar | editar a fonte]Un tumor de célula B primario, como un insulinoma, está asociado coa hipoglicemia.[3] É un tumor localizado no páncreas.[3] Un insulinoma produce insulina, que á súa vez fai diminuír os niveis da glicosa, causando a hipoglicemia.[3] Os mecanismos reguladores normais non funcionan, o cal impide que os niveis de insulina baixen durante os estados de baixa glicosa sanguínea.[3] Durante un episodio de hipoglicemia, a insulina do plasma, o péptido C e a proinsulina estarán excesivamente altos.[3]
Tumores de células non-B
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia pode darse en persoas con tumoes de células non-B, como os hepatomas, carcinomas adrenocorticoides,[30] e tumores carcinoides.[3] Estes tumores orixinan un estado de aumento de insulina, especificamente o aumento do factor de crecemento similar á insulina II, que fai diminuír os niveis de glicosa.[3]
Hipoglicemia postprandial despois de bypass gástrico
[editar | editar a fonte]O bypass gástrico Roux-en-Y, é unha cirurxía para a perda de peso realizada no estómago que foi asociada coa hipoglicemia, chamada hipoglicemia postprandial post-bypass gástrico.[3] Aínda que o mecanismo completo da hipoglicemia despois desta cirurxía non se comprende plenamente, pénsase que as comidas causan niveis moi altos de péptido similar ao glicagón 1 (tamén chamado GLP-1), unha hormona que incrementa a insulina, causando a diminución dos niveis de glicosa.[3]
Hipoglicemia autoinmune
[editar | editar a fonte]Poden formarse anticorpos contra a insulina, orixinando hipoglicemia autoinmune.[3][31] Os anticorpos son proteínas inmunitarias producidas polo corpo que normalmente atacan bacterias e virus, pero ás veces poden atacar células humanas normais, causando un trastorno autoinmune.[32] Na hipoglicemia autoinmune, hai dous posibles mecanismos.[3][31] Nun exemplo, os anticorpos únense á insulina unha vez que esta se liberou despois dunha comida, o que fai que a insulina non funcione.[3][31] Finalmente, os anticorpos acaban por desprenderse da molécula de insulina, causando que a insulina sexa funcional outra vez, orixinando unha hipoglicemia tardía despois dunha comida, chamada hipoglicemia postprandial tardía.[3][31] Outro mecanismo que causa hipoglicemia débese a anticorpos formados contra o receptor da insulina, chamados anticorpos contra o receptor da insulina.[3][31] Estes anticorpos únense aos receptores da insulina e impiden a degradación da insulina, o que causa niveis excesivamente altos de insulina e niveis baixos de glicosa.[3][31]
Hipoglicemia neonatal
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia pode producirse en neonatos sans de menos de 48 horas de vida que non comeron desde hai unhas horas.[7] Durante ese período neonatal de 48 horas, o neonato axusta os seus niveis de glicagón e adrenalina despois do nacemento, o cal pode desencadear unha hipoglicemia transitoria.[7] Nos meniños con idades maiores de 48 horas, a glicosa sérica como media está nunha concentración de 70 a 100 mg/dL (3,9–5,5 mmol/L), similar á dos adultos, e a hipoglicemia é moito menos común.[7]
Fisiopatoloxía
[editar | editar a fonte]A glicosa é a principal fonte de enerxía para o cerebro, e o existen varios mecanismos para previr a hipoglicemia e protexer a subministración de enerxía ao cerebro.[3][20] O corpo pode axustar a produción e liberación de insulina, axustar a produción de glicosa polo fígado, e o uso de glicosa polo corpo.[3][20] O corpo produce de forma natural a hormona insulina no páncreas.[3] A insulina serve para regular a cantidade de glicosa do corpo, especialmente despois das comidas.[3] O glicagón é outra hormona implicada na regulación dos niveis de glicosa no sangue, e funciona de forma oposta á insulina.[3] O glicagón axuda a aumentar os niveis de glicosa sanguíneo, especialmente en estados de fame.[3]
Cando os niveis de azucre sanguíneos baixan aos valores normais, a primeira liña de defensa contra a hipoglicemia é a diminución da liberación da insulina polo páncreas.[3][20] Esta baixada da insulina permite que o fígado incremente a glicoxenólise.[3][20] A glicoxenólise consiste na degradación do glicóxeno que ten como resultado a produción de glicosa.[3][20] O glicóxeno pode considerarse como a forma de almacenamento inactivo da glicosa.[3] A diminución da insulina tamén permite o aumento da gliconeoxénese no fígado e riles.[3][20] A gliconeoxénese é o proceso de produción de glicosa a partir de fontes que non son carbohidratos, fornecidas polos músculos e a graxa.[3][20]
Unha vez que os niveis de glicosa baixan do que é o normal, funcionan mecanismos protectores adicionais para impedir a hipoglicemia.[3][20] O páncreas recibe o sinal de liberar glicagón, unha hormona que incrementa a produción de glicosa polo fígado e riles, e incrementa a degradación de músculos e graxa para alimentar a gliconeoxénese.[3][33] Se o incremento do glicagón non leva os niveis de azucre ao normal, as glándulas adrenais liberan adrenalina.[3][20] A adrenalina funciona tamén aumentando a gliconeoxénese e glicoxenólise, mentes que tamén fai diminuír o uso de glicosa polos órganos, protexendo a subministración de glicosa ao cerebro.[3][20]
Unha vez que se prolonga a hipoglicemia, libéranse o cortisol e a hormona do crecemento para continuar coa gliconeoxénese e a glicoxenólise, e tamén impedindo o uso da glicosa polos outros órganos.[3][20] Os efectos do cortisol e a hormona de crecemento son moito menos efectivos que os da adrenalina.[3][20] Nun estado de hipoglicemia, o cerebro tamén produce unha sensación de fame e fai que a persoa coma, nun intento de incrementar a glicosa.[3][20]
Diagnose
[editar | editar a fonte]O método máis fiable de identificar a hipoglicemia é identificando a tríade de Whipple.[3][4] Os compoñentes da tríade de Whipple son o nivel de azucre sanguíneo por debaixo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L), síntomas relacionados co nivel de azucre baixo, e a mellora dos síntomas cando se restaura o azucre sanguíneo ao nivel normal.[3][4] A identificación da tríade de Whipple nun paciente axuda a evitar tests de diagnósticos innecesarios e diminúe os custos sanitarios.[4]
Nas persoas cunha historia de diabetes tratadas con insulina, glinidas ou sulfonilurea, que presentan a tríade de Whipple, é razoable asumir que a causa da hipoglicemia débese ao uso da insulina, glinidas ou sulfonilurea.[4] Nas persoas sen unha historia de diabetes con hipoglicemia, cómpre facer máis tests de diagnóstico para identificar a causa.[4] Os tests, durante un episodio de hipoglicemia, debería incluír o seguinte:
- O nivel de glicosa plasmática, que non sexa unha medida feita no momento da administración ou atención[3][4]
- O nivel de insulina[3][4]
- O nivel de péptido C[3][4]
- O nivel de proinsulina[3][4]
- O nivel de Beta-hidroxibutirato[3][4]
- Un cribado para axentes hipoglicémicos orais[4]
- A resposta do nivel de glicosa ao glicagón[4]
- Os anticorpos antiinsulina.[4]
Se é necesario, un diagnóstico de episodio hipoglicémico pode realizarse en instalacións para pacientes hospitalizados ou externos.[3] Isto denomínase xaxún de diagnóstico, no cal un paciente experimenta un xaxún que vai ser estudado que cause un episodio hipoglicémica, o que permite facer todas as extraccións apropiadas para as análises de sangue necesarias.[3] Nalgúns, o episodio hipoglicémico pode reproducirse simplemente despois dounha comida mixta, mentres que noutros o xaxún pode durar ata 72 horas.[3][4]
Nas persoas que se sospeita teñen un insulinoma, as técnicas de obtención de imaxes son as máis fiables, entre elas os ultrasóns, tomografía axial computadorizada /TAC) e imaxes de resonancia magnética.[3][4]
Diagnose diferencial
[editar | editar a fonte]Outras condicións que poden presentarse ao mesmo tempo que a hipoglicemia son as seguintes:
- Intoxicación por alcohol ou drogas[4][34]
- Arritmia cardíaca[4][34]
- Enfemidade cardíaca valvular[4][34]
- Síndrome postprandial[34]
- Hipertiroidismo[34]
- Feocromocitoma[34]
- Hipoglicemia post-bypass gástrico[4][34]
- Trastorno de ansiedade xeneralizado[34]
- Uso de insulina subrepticio[4][34]
- Erro de laboratorio ou na extracción do sangue (falta de axente anticoagulante no tubo de ensaio recolector ou durante o procesamento)[35][34]
Tratamento
[editar | editar a fonte]Despois de que se identifica a hipoglicemia nunha persoa, cómpre facer un tratamento rápido que pode nalgúns casos salvar unha vida.[2] O principal obxectivo do tratamento é elevar o nivel de glicosa sanguíneo ata que chegue outra vez ao normal, o que se fai administrando glicosa de varias maneiras, dependendo da gravidade da hipoglicemia, o que se dispón para facer o tratamento, e quen está administrando o tratamento.[2][3] Unha regra xeral usada pola American Diabetes Association é a "Regra 15-15", que consiste en administrar 15 gramos dun carbohidrato, seguido por unha espera de 15 minutos e volver a medir o nivel de glicosa sanguínea para estimar se a glicosa tornou aos niveis normais.[5]
Autotratamento
[editar | editar a fonte]Se unha persoa recoñece que lle están empezando os síntomas da hipoglicemia, debería medirse inmediatamente o azucre sanguíneo, e tomar un alimento ou bebida azucrados.[2] A persoa debe estar consciente e capaz de tragar.[2][3] O obxectivo é tomar 10–20 gramos de carbohidratos para elevar os niveis de glicosa sanguínea a un mínimo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L).[3][4]
Exemplos de produtos que se adoitan tomar son:
- Tabletas ou xeles de glicosa (segundo as instrucións do paquete)[2][4]
- Zumes que conteñen azucre, como os de mazá, uvas ou arandos, (125 mL ou media cunca)[2][4]
- Gasosas ou refrescos, (120 mL ou media cunca, non de dieta)[4]
- Caramelos[4]
- Azucre de mesa ou mel (15 mL ou 1 cullerada sopeira)[2]
Espérase que en 15-20 minutos se produza unha mellora dos niveis de azucre sanguíneos e síntomas, e nese momento debería de medirse o azucre sanguíneo outra vez.[3][4] Se o nivel de azucre sanguíneo non está por riba de 70 mg/dL (3,9 mmol/L), deben tomarse outros 10–20 gramos dun carbohidrato e volver a medir os niveis de azucre pasados 15–20 minutos.[3][4] Repetir ata que o nivel de glicosa chegue ao nivel normal.[3][4] As maiores melloras no nivel de glicosa sanguínea obsérvanse se o carbohidrato é mastigado ou bebido e despois tragado.[36] Isto ten como resultado a maior biodispoñibilidade de glicosa, o que significa que entra a maior cantidade de glicosa no corpo producindo as maiores melloras posibles no nivel de azucre sanguíneo.[36] Unha revisión sistemática de 2019 suxire, baseándose en probas moi limitadas, que a administración oral (tragada) de glicosa produce unha mellora maior nos niveis de glicosa sanguíneos se a comparamos coa administración bucal (absorbida pola mucosa bucal).[37] Esta mesma revisión informou que, baseándose en evidencias limitadas, non se atopou diferenza na glicosa plasmática cando a administración oral se combinaba con glicosa bucal (por medio de xeles de dextrosa) comparada coa administración só oral.[37] A segunda mellor maneira de tomar un carbohidrato é deixar que se disolva baixo a lingua, o que tamén se denomina administración sublingual.[36] Por exemplo, un caramelo duro pode disolverse baixo a lingua, aínda que as maiores melloras na glicosa sanguínea ocorrerán se o caramelo duro é mastigado e triturado e despois tragado.[36]
Despois de corrixir os niveis de glicosa, as persoas poden consumir unha comida completa nun lapso dunha hora para volver a encher os almacéns de glicóxeno.[4]
Educación
[editar | editar a fonte]A familia, amigos e compañeiros de traballo dunha persoa con diabetes poden proporcionar un tratamento que pode salvar unha vida no caso dun episodio de baixada de azucre grave.[2] É importante que estas persoas reciban información e adestramento sobre como recoñecer a hipoglicemia, os tipos de alimentos para darlle de comer ao hipoglicémico, como administrar glicagón inxectable ou intranasal e como usar un glicosímetro.[2]

Tratamento pola familia, amigos e compañeiros de traballo
[editar | editar a fonte]A familia, amigos e compañeiros de traballo de persoas hipoglicémicas primeiro deben identificar os epiodios hipoglicémicos e poden prestar axuda.[3] Unha vez recoñecidos os signos e síntomas da hipoglicemia nun diabético, debería medirse o nivel de azucre sanguíneo cun glicosímetro.[2] Se a glicosa sanguínea está por debaixo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L), o tratamento a aplicar dependerá de se a persoa está consciente e pode tragar con seguridade.[3][4] Se está consciente e é quen de tragar, a familia, amigos ou compañeiros de traballo poden axudar a que o hipoglicémico tome 10–20 gramos dun carbohidrato para elevar o nivel de azucre sanguíneo a un mínimo de 70 mg/dL (3,9 mmol/L),[4] e o nivel debería mellorar en 15–20 minutos, momento en que se mide o nivel outra vez.[3][4] Se aínda non superou os 70 mg/dL (3,9 mmol/L), débese repetir a inxestión de azucre e volver a medir o nivel 15-20 minutos despois.[3][4] Habería que repetir iso ata que o nivel volva ao normal ou chamar aos servizos de emerxencia.[4]
Se a persoa está inconsciente, pode usarse un kit de glicagón nos casos graves, que se administra por inxección muscular ou inhalación nasal.[4][3][20] Nos Estados Unidos, os pacientes diabéticos poden dispoñer de kits de glicagón con prescrición médica, para que os leven encima en caso dun episodio grave de hipolglicemia.[38][39] Deberían de chamarse aos servizos de emerxencia para unha ulterior asistencia.[4]
Tratamento médico
[editar | editar a fonte]Nas instalacións sanitarias, o tratamento depende da gravidade dos síntomas e do acceso intravenoso.[40] Se un paciente é consciente e capaz de tragar con seguridade, poden darlle alimentos ou bebidas ou tabletas ou xeles de glicosa.[40] Nos casos en que hai acceso intravenoso, xeralmente adminístranse 25 gramos de dextrosa ao 50 %.[40] Cando non hai acceso intravenoso, pode administrarse glicagón por inxección muscular ou intranasal.[40]
Outros tratamentos
[editar | editar a fonte]Aínda que o tratamento da hipoglicemia se realiza normalmente por consumo de carbohidratos, inxección de glicagón, ou administración de dextrosa, disponse dalgúns outros tratamentos.[3] Medicamentos como o diazoxide e octreotide fai diminuír os niveis de insulina, o que incrementa os niveis de glicosa sanguíneos.[3] O dasiglicagón aprobouse para uso médico nos Estados Unidos en marzo de 2021 para tratar a hipoglicemia grave.[41] O dasiglicagón (nome comercial Zegalogue) ten características únicas porque o seu glicagón vai en xiringa xa chea ou lapis autoinxector, a diferenza dos kits de glicagón tradicionais nos cales cómpre primeiro mesturar o glicagón en po cun líquido disolvente.[41]
O refresco Lucozade, debido á súa formulación orixinal que contiña gran cantidade de glicosa, recomendouse por organizacións benéficas para a diabetes no Reino Unido como tratamento inmediato da hipoglicemia; porén, como esta bebida foi reformulada, gran parte do seu contido en glicosa foi substituído por edulcorantes artificiais, e así deixou de recomendarse.[42]
Prevención
[editar | editar a fonte]
En diabéticos
[editar | editar a fonte]A prevención da hipoglicemia depende da causa.[2][3][4] Nas persoas diabéticas tratadas con insulina, glinidas ou sulfonilurea, a prevención céntrase principalmente na educación do paciente e os axustes da medicación.[2][3][4] Nalgúns países, fundacións para a educación sobre a diabetes están ensinando a recoñecer os signos e síntomas da hipoglicemia, así como a maneira de actuar rapidamente para impedir o empeoramento dun episodio.[4] Outra pedra angular da prevención é unha constante automonitorización da glicosa sanguínea, con medidas consistentes e frecuentes.[4] As investigacións realizadas mostran que os pacientes de diabetes tipo 1 que usan sistemas de monitorización continua da glicosa con bombas de insulina melloran significativamente o seu control da glicosa sanguínea.[43][44][45] As bombas de insulina axudan a previr os picos altos de glicosa, e axudan a evitar unha dosificación inadecuada da insulina.[44][45][46] Os monitores continuos de glicosa poden facer soar alarmas cando a glicosa sanguínea é demasiado baixa ou demasiado alta, o que axuda a recoñecer especialmente os casos de hipoglicemia ou hiperglicemia nocturnos que poden pasar desapercibidos.[44][45][46] En canto aos axustes de medicación, as doses e momentos de administración deben axustarse para previr a hipoglicemia, ou a toma dun medicamento pode ter que pararse totalmente.[3][4]
En non diabéticos
[editar | editar a fonte]Nas persoas con hipoglicemia pero que non son diabéticas, hai varias medidas preventivas que se poden tomar dependendo da causa.[2][3][4] A hipoglicemia causada por disfunción hormonal como a falta de cortisol na enfermidade de Addison ou a falta de hormona do crecemento no hipopituitarismo pode previrse cunha administración apropiada da hormona.[3][4] Os episodios hipoglicémicos asociados con tumores de células non-B poden diminuír despois da extirpación cirúrxica do tumor, así como despois de radioterapia ou quimioterapia para reducir o tamaño do tumor.[3][4] Nalgúns casos, os que teñen tumores de células non-B poden seguir unha terapia hormonal con hormona do crecemento, glicocorticoides ou octreotide para diminuír os episodios hipoglicémicos.[3][4] A hipoglicemia post-bypass gástrico pode impedirse comendo comidas menos abundantes e máis frecuentes, evitando os alimentos cheos de azucre, así como con tratamentos médicos con inhibidor da alfa-glicosidase, diazoxide ou octreotide.[3][4]
Algunhas causas de hipoglicemia requiren o tratamento da causa subxacente para previr mellor a hipoglicemia.[4] Este é o caso dos insulinomas, que adoitan requirir a extirpación cirúrxica do tumor para que remita a hipoglicemia.[4] En pacientes aos que non se lles pode realizar a cirurxía para extirpar o insulinoma, poden usarse o diazoxide ou o octreotide.[4]
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia é común en persoas con diabetes tipo 1 ou con diabetes tipo 2 que toman insulina, glinidas ou sulfonilurea.[2][3] Estímase que os diabéticos tipo 1 experimentan dous episodios sintomáticos leves de hipoglicemia por semana.[3] Ademais, as persoas con diabetes de tipo 1 teñen polo menos un episodio hipoglicémico grave por ano, necesitando asistencia con tratamento.[3] En canto á mortalidade, a hipoglicemia causa a morte do 6–10 % dos diabéticos tipo 1.[3][Verificar credibilidade]
En persoas con diabetes tipo 2, a hipoglicemia é menos común comparada cos diabéticos tipo 1, porque os medicamentos que tratan a diabetes tipo 2, como a metformina, glitazonas, inhibidores da alfa-glicosidase, agonistas do péptido similar ao glicagón 1, e inhibidores da dipeptidil peptidase IV, non causa hipoglicemia.[2][3] A hipoglicemia é común en diabéticos tipo 2 que están tomando insulina, glinidas ou sulfonilurea.[2][3] O uso da insulina é un factor de risco clave no desenvolvemento da hipoglicemia, indiferentemente do tipo de diabetes.[2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]A hipoglicemia descubriuna James Collip cando estaba traballando con Frederick Banting na purificación da insulina en 1922.[47] A Collip pedíronlle que desenvolvese un ensaio para medir a actividade da insulina.[47] El primeiramente inxectou a insulina nun coello, e despois mediu a redución dos niveis de glicosa en sangue.[47] A medición da glicosa en sangue era un procedemento que levaba moito tempo.[47] Collip observou que cando inxectaba os coellos cunha dose demasiado grande de insulina, os coellos empezaban a convulsionar, chegaban ao coma e finalmente morrían.[47] Esta observación simplificou o seu ensaio.[47] Definiu a unidade de insulina como a cantidade necesaria para inducir esta reacción hipoglicémica con convulsións en coellos.[47] Collip atopou despois que podía aforrar diñeiro e coellos, inxectándolles glicosa unha vez que empezaban a convulsionar.[47]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hipoglicemia.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 National Institute of Diabetes and Digestive and Kidney Diseases (NIDDK). "Low Blood Glucose (Hypoglycemia)". NIDDK.nih.gov (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2017. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 62 63 64 65 66 67 68 69 70 71 72 73 74 75 76 77 78 79 80 81 82 83 84 85 86 87 88 89 90 91 92 93 94 95 96 97 98 99 100 101 102 103 104 105 106 107 108 109 110 111 112 113 114 115 116 117 118 119 120 121 122 123 124 125 126 127 128 129 130 131 132 133 134 135 136 137 138 139 140 141 Jameson JL, Kasper DL, Longo DL, Fauci AS, Hauser SL, Loscalzo J (2018). Harrison's principles of internal medicine (20ª ed.). Nova York. ISBN 978-1-259-64403-0. OCLC 1029074059.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 62 63 64 65 66 67 68 69 70 71 72 73 74 75 76 77 78 79 80 81 82 83 84 Cryer PE, Axelrod L, Grossman AB, Heller SR, Montori VM, Seaquist ER, Service FJ (marzo de 2009). "Evaluation and management of adult hypoglycemic disorders: an Endocrine Society Clinical Practice Guideline". The Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism 94 (3): 709–728. PMID 19088155. doi:10.1210/jc.2008-1410.
- 1 2 3 4 5 6 7 American Diabetes Association (ADA). "Hypoglycemia (Low Blood Glucose)". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2022. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- 1 2 Yanai H, Adachi H, Katsuyama H, Moriyama S, Hamasaki H, Sako A (febreiro de 2015). "Causative anti-diabetic drugs and the underlying clinical factors for hypoglycemia in patients with diabetes". World Journal of Diabetes 6 (1): 30–36. PMC 4317315. PMID 25685276. doi:10.4239/wjd.v6.i1.30.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Thornton PS, Stanley CA, De Leon DD, Harris D, Haymond MW, Hussain K, et al. (agosto de 2015). "Recommendations from the Pediatric Endocrine Society for Evaluation and Management of Persistent Hypoglycemia in Neonates, Infants, and Children". The Journal of Pediatrics (en English) 167 (2): 238–245. PMC 11891912. PMID 25957977. doi:10.1016/j.jpeds.2015.03.057.
- ↑ "FDA approves first treatment for severe hypoglycemia that can be administered without an injection". FDA (en inglés). 11 de setembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2020. Consultado o 11 de novembro de 2019.
- ↑ "Non-Diabetic Hypoglycemia | Causes, Symptoms & Treatment". study.com. 21 de novembo de 2023. Consultado o 2024-08-16.
- ↑ Mathew, Philip; Thoppil, Deepu (2024). Hypoglycemia. StatPearls (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). PMID 30521262. Consultado o 2024-08-16.
- ↑ "Low Blood Sugar (Hypoglycemia)". diabetesdaily.com. 8 de agosto de 2021.[Ligazón morta]
- ↑ Ling S, Zaccardi F, Lawson C, Seidu SI, Davies MJ, Khunti K (2021-04-01). "Glucose Control, Sulfonylureas, and Insulin Treatment in Elderly People With Type 2 Diabetes and Risk of Severe Hypoglycemia and Death: An Observational Study". Diabetes Care 44 (4): 915–924. ISSN 1935-5548. PMID 33541857. doi:10.2337/dc20-0876.
- 1 2 Young VB (2016). Blueprints medicine. William A. Kormos, Davoren A. Chick (6ª ed.). Philadelphia. ISBN 978-1-4698-6415-0. OCLC 909025539.
- ↑ "Hangry is officially a word in the Oxford English Dictionary". ABC News (en inglés). Consultado o 2024-01-06.
- ↑ "If you've ever been hangry, this is what your body may be telling you". Washington Post (en inglés). 2018-07-09. ISSN 0190-8286. Consultado o 2024-01-06.
- 1 2 3 4 5 6 7 Johnson-Rabbett B, Seaquist ER (setembro de 2019). "Hypoglycemia in diabetes: The dark side of diabetes treatment. A patient-centered review". Journal of Diabetes 11 (9): 711–718. PMID 30983138. doi:10.1111/1753-0407.12933.
- 1 2 3 4 5 6 7 Ibrahim M, Baker J, Cahn A, Eckel RH, El Sayed NA, Fischl AH, et al. (novembro de 2020). "Hypoglycaemia and its management in primary care setting" (PDF). Diabetes/Metabolism Research and Reviews 36 (8): e3332. PMID 32343474. doi:10.1002/dmrr.3332.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 Martín-Timón I, Del Cañizo-Gómez FJ (xullo de 2015). "Mechanisms of hypoglycemia unawareness and implications in diabetic patients". World Journal of Diabetes 6 (7): 912–926. PMC 4499525. PMID 26185599. doi:10.4239/wjd.v6.i7.912.
- ↑ Lucidi P, Porcellati F, Bolli GB, Fanelli CG (agosto de 2018). "Prevention and Management of Severe Hypoglycemia and Hypoglycemia Unawareness: Incorporating Sensor Technology". Current Diabetes Reports 18 (10). PMID 30121746. doi:10.1007/s11892-018-1065-6.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 Mathew P, Thoppil D (2022). "Hypoglycemia". StatPearls. Treasure Island (FL): StatPearls Publishing. PMID 30521262. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2021. Consultado o 24 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 4 5 Murad MH, Coto-Yglesias F, Wang AT, Sheidaee N, Mullan RJ, Elamin MB, et al. (marzo de 2009). "Clinical review: Drug-induced hypoglycemia: a systematic review". The Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism 94 (3): 741–745. PMID 19088166. doi:10.1210/jc.2008-1416.
- 1 2 3 4 Awad DH, Gokarakonda SB, Ilahi M (2022). "Factitious Hypoglycemia". StatPearls. Treasure Island (FL): StatPearls Publishing. PMID 31194450. Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2022. Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 Jeanmonod R, Asuka E, Jeanmonod D (2022). "Inborn Errors Of Metabolism". StatPearls. Treasure Island (FL): StatPearls Publishing. PMID 29083820. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 24 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 Ozand, Pinar T. (2000). "Hypoglycemia in association with various organic and amino acid disorders". Seminars in Perinatology (en inglés) 24 (2): 172–193. PMID 10805172. doi:10.1053/sp.2000.6367.
- ↑ Baker, Joshua J; Burton, Barbara K (novembro de 2021). "Diagnosis and Clinical Management of Long-chain Fatty-acid Oxidation Disorders: A Review". TouchREVIEWS in Endocrinology 17 (2): 108–111. ISSN 2752-5457. PMC 8676101. PMID 35118456. doi:10.17925/EE.2021.17.2.108.
- ↑ NIH Intramural Sequencing Center Group; Sloan, Jennifer L; Johnston, Jennifer J; Manoli, Irini; Chandler, Randy J; Krause, Caitlin; Carrillo-Carrasco, Nuria; Chandrasekaran, Suma D; Sysol, Justin R; O'Brien, Kevin; Hauser, Natalie S; Sapp, Julie C; Dorward, Heidi M; Huizing, Marjan; Barshop, Bruce A (2011). "Exome sequencing identifies ACSF3 as a cause of combined malonic and methylmalonic aciduria". Nature Genetics (en inglés) 43 (9): 883–886. ISSN 1061-4036. PMC 3163731. PMID 21841779. doi:10.1038/ng.908.
- ↑ Wehbe, Zeinab; Behringer, Sidney; Alatibi, Khaled; Watkins, David; Rosenblatt, David; Spiekerkoetter, Ute; Tucci, Sara (2019). "The emerging role of the mitochondrial fatty-acid synthase (mtFASII) in the regulation of energy metabolism". Biochimica et Biophysica Acta (BBA) - Molecular and Cell Biology of Lipids (en inglés) 1864 (11): 1629–1643. PMID 31376476. doi:10.1016/j.bbalip.2019.07.012.
- ↑ Levtova, Alina; Waters, Paula J.; Buhas, Daniela; Lévesque, Sébastien; Auray-Blais, Christiane; Clarke, Joe T.R.; Laframboise, Rachel; Maranda, Bruno; Mitchell, Grant A.; Brunel-Guitton, Catherine; Braverman, Nancy E. (2019). "Combined malonic and methylmalonic aciduria due to ACSF3 mutations: Benign clinical course in an unselected cohort". Journal of Inherited Metabolic Disease (en inglés) 42 (1): 107–116. ISSN 0141-8955. PMID 30740739. doi:10.1002/jimd.12032.
- 1 2 Ozand, Pinar T.; Al-Essa, Mohammed (2012). Elzouki, Abdelaziz Y.; Harfi, Harb A.; Nazer, Hisham M.; Stapleton, F. Bruder, eds. "Disorders of Organic Acid and Amino Acid Metabolism". Textbook of Clinical Pediatrics (en inglés). Berlin, Heidelberg: Springer Berlin Heidelberg. pp. 451–514. ISBN 978-3-642-02201-2. doi:10.1007/978-3-642-02202-9_38.
- ↑ "Adrenocortical Carcinoma Treatment - NCI". www.cancer.gov (en inglés). 2007-07-06. Consultado o 2024-08-16.
- 1 2 3 4 5 6 Lupsa BC, Chong AY, Cochran EK, Soos MA, Semple RK, Gorden P (May 2009). "Autoimmune forms of hypoglycemia". Medicine (en inglés) 88 (3): 141–153. PMID 19440117. doi:10.1097/MD.0b013e3181a5b42e.
- ↑ "Antibody". Genome.gov (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 9 de outubro de 2020. Consultado o 24 de xaneiro de 2022.
- ↑ Rix I, Nexøe-Larsen C, Bergmann NC, Lund A, Knop FK (2000). "Glucagon Physiology". En Feingold KR, Anawalt B, Boyce A, Chrousos G, de Herder WW, Dhatariya K, et al. Endotext. PMID 25905350. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2021.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Vella A. "Hypoglycemia in adults without diabetes mellitus: Clinical manifestations, diagnosis, and causes". www.uptodate.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2022. Consultado o 14 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Low Blood Glucose (Hypoglycemia) - NIDDK". National Institute of Diabetes and Digestive and Kidney Diseases (en inglés). Consultado o 2024-08-16.
- 1 2 3 4 De Buck E, Borra V, Carlson JN, Zideman DA, Singletary EM, Djärv T (abril de 2019). "First aid glucose administration routes for symptomatic hypoglycaemia". The Cochrane Database of Systematic Reviews 2019 (4): CD013283. PMC 6459163. PMID 30973639. doi:10.1002/14651858.cd013283.pub2.
- 1 2 De Buck E, Borra V, Carlson JN, Zideman DA, Singletary EM, Djärv T (abril de 2019). "First aid glucose administration routes for symptomatic hypoglycaemia (colaboración: Cochrane Metabolic and Endocrine Disorders Group)". The Cochrane Database of Systematic Reviews 2019 (4): CD013283. PMC 6459163. PMID 30973639. doi:10.1002/14651858.CD013283.pub2.
- ↑ "Severe Low Blood Sugar (Hypoglycemia) Treatment | Lilly GLUCAGON". www.lillyglucagon.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 24 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Glucacon Emergency Kit". Glucagon Emergency Kit (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 24 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 4 Pasala S, Dendy JA, Chockalingam V, Meadows RY (2013). "An inpatient hypoglycemia committee: development, successful implementation, and impact on patient safety". The Ochsner Journal 13 (3): 407–412. PMC 3776519. PMID 24052773.
- 1 2 "HIGHLIGHTS OF PRESCRIBING INFORMATION. These highlights do not include all the information needed to use ZEGALOGUE® safely and effectively. See full prescribing information for ZEGALOGUE. ZEGALOGUE (dasiglucagon) injection, for subcutaneous use." (PDF). Accessdate.fsa.gov. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de maio de 2021. Consultado o 10 de novembro de 2021.
- ↑ Harrold A. "Diabetic patients should be warned about changes to Lucozade glucose content". Nursing in Practice. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2019. Consultado o 27 de febreiro de 2019.
- ↑ Langendam M, Luijf YM, Hooft L, Devries JH, Mudde AH, Scholten RJ (xaneiro de 2012). "Continuous glucose monitoring systems for type 1 diabetes mellitus". The Cochrane Database of Systematic Reviews 1 (1): CD008101. PMC 6486112. PMID 22258980. doi:10.1002/14651858.cd008101.pub2.
- 1 2 3 Azhar A, Gillani SW, Mohiuddin G, Majeed RA (2020). "A systematic review on clinical implication of continuous glucose monitoring in diabetes management". Journal of Pharmacy & Bioallied Sciences 12 (2): 102–111. PMC 7373113. PMID 32742108. doi:10.4103/jpbs.JPBS_7_20.
- 1 2 3 Mian Z, Hermayer KL, Jenkins A (novembro de 2019). "Continuous Glucose Monitoring: Review of an Innovation in Diabetes Management". The American Journal of the Medical Sciences 358 (5): 332–339. PMID 31402042. doi:10.1016/j.amjms.2019.07.003.
- 1 2 "Continuous Glucose Monitoring | NIDDK". National Institute of Diabetes and Digestive and Kidney Diseases (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2022. Consultado o 25 de xaneiro de 2022.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 "Collip discovers hypoglycemia". Treating Diabetes. Arquivado dende o orixinal o 8 de setembro de 2017. Consultado o 18 de xuño de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hypoglycemia at the Mayo Clinic
- American Diabetes Association
- "Hypoglycemia". MedlinePlus. U.S. National Library of Medicine.
