Saltar ao contido

Mozi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMozi

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento470 a. C. Editar o valor en Wikidata
Reino de Lu Editar o valor en Wikidata
Morte391 a. C. Editar o valor en Wikidata (78/79 anos)
ResidenciaEstado de Song Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoÉtica, filosofía social, filosofía política, lóxica e epistemoloxía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, enxeñeiro militar, enxeñeiro Editar o valor en Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 400 a. C. Editar o valor en Wikidata)
AlumnosQin Guli e Tian Jiu Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGujin Tushu Jicheng
Rexistros do Grande Historiador
Enciclopedia soviética armenia, volume 8, (p.59) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1225133

Mozi (chinés tradicional e simplificado: 墨子; pinyin: Mòzǐ; Wade-Giles: Mo4-tzu3; xaponés: Bokushi; lit. "Mestre Mo"), nome de nacemento Mo Di 墨翟, nado cara o -470 e finado arredor do -391, foi un filósofo e lóxico chinés do período dos Reinos Combatentes, fundador do Moísmo, unha das Cen Escolas de Pensamento.[1] O texto antigo titulado Mozi 墨子 ("Mestre Mo") contén materiais atribuídos a Mozi e os seus discípulos.[1]

Mozi fundou o moísmo, unha escola en aberta polémica tanto co confucianismo coma co daoísmo.[1] A filosofía de Mozi poñía a énfase no amor universal, a orde social, a vontade do ceo, a colaboración e o mérito. Durante o período dos Reinos Combatentes, os moístas estiveron activos en diversos reinos, mais entraron en declive co ascenso ao poder da dinastía Qin no -221, xa que o emperador Qin Shi Huang favorecía á escola lexista. Durante esta época, moitos dos textos clásicos moístas foron destruídos na chamada queima dos libros e enterramento dos eruditos. O moísmo continuou a perder importancia cando o confucianismo se converteu na doutrina oficial da dinastía Han, chegando a desaparecer case completamente ao remate da dinastía Han do Oeste.[2] Mozi é mencionado no Qianzi wen 千字文 ("Clásico dos mil caracteres"), que o describe a súa tristeza ao contemplar a tinguidura dunha tea de seda branca, simbolizando a súa concepción da austeridade como simplicidade e castidade.

O seu concepto de amor ou ai 愛 foi desenvolvido en aberta oposición á idea confuciana do amor benevolente. Mozi intentou superar o que el consideraba un excesivo apego ás estruturas familiares e aos clans, propio da sociedade chinesa, cunha noción de amor universal ou jian'ai 兼愛. Neste sentido, polemizou cos confucianos, para os que preocuparse de distinta maneira polas persoas segundo o seu grao de parentesco, amor ou amizade era o comportamento natural dos seres humanos. Mozi, pola contra, pensaba que deberiamos preocuparnos de todo o mundo por igual, mais que adoptar diferentes actitudes segundo a persoa. O amor debe ser incondicional, outorgado sen agardar reciprocidade, con independencia da nosa relación cos individuos, pois todos somos iguais a ollos do ceo. Xa que logo, o poder debería asignarse segundo un sistema meritocrático, sen importar o parentesco; teñen que gobernar os que son dignos de facelo, a imitación dos reis sabios da antigüidade. Esta noción de amor sería retomada polo budismo chinés, que empregaría o termo ai 愛 para referirse a un dos desexos fundamentais.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Mapa da China dos Reinos Combatentes
Mapa da China dos Reinos Combatentes

É moi probable que Mozi fose un membro da clase dos artesáns, que logrou ascender a un posto oficial. Naceu no reino de Lu (actual Tengzhou, provincia de Shandong), aínda que durante un tempo desempeñouse como ministro do reino de Song.[3] Do mesmo xeito ca Confucio, Mozi mantivo unha escola para aqueles que desexaban converterse en oficiais de corte dalgún dos Reinos Combatentes.[3]

Mozi foi un renomeado carpinteiro, coñecido pola súa habilidade na construción de artefactos. A pesar de non exercer ningún cargo oficial, moitos gobernantes contrataron os seus sevizos como experto en fortificacións. Malia ser educado no confucianismo durante a mocidade, sempre considerou que as súas doutrinas eran demasiado fatalistas, coa súa énfase nas celebracións e ritos funerarios, que limitaban a vida e a produtividade da xente común. Os seus seguidores, sobre todo técnicos e artesáns, estaban organizados nunha orde disciplinada, e tiñan que estudar os textos de Mozi, tanto filosóficos como técnicos.

Segundo a imaxe tradicional do filósofo, desempeñábase con paixón polo ben da xente, sen preocuparse polas ganancias persoais ou, incluso, pola súa propia vida. As súas contribucións á sociedade foron alabadas por moitos, incluído Mencio, discípulo de Confucio.

Filosofía

[editar | editar a fonte]

O autor, a grandes trazos, opta por unha ética de carácter consecuencialista, é dicir, a noción de que o relevante a nivel moral é a positividade ou negatividade que certas accións poden producir.

A noción de amor universal resulta preferible polo feito de que resultaría profundamente beneficioso para o conxunto de seres existentes. Por este motivo se distancia doutros sistemas teóricos caracterizados polo cultivo e posta en práctica duns determinados trazos persoais e da conduta, en definitiva, éticas do carácter.

O moísmo ao ter en conta o cultivo de certos trazos mais centrándose nos resultados positivos a obter, pode considerarse un certo tipo de consecuencialismo do carácter, similar ao consecuencialismo das virtudes.

Resulta importante resaltar que o moísmo se ben mostra paralelismos con correntes contemporáneas (consecuencialismo), presenta ao mesmo tempo certos contidos ambiguos.

Un exemplo sería o feito de que na proposta nunca se chegou a formular unha teoría do benestar ou unha concepción do mellor tipo de repartimento de aquilo que é valioso ou desvalioso en termos actuais. Conforma a interpretación máis común, o moísmo asumiría unha teoría do benestar da lista obxectiva.

Esta interpretación iría en liña co feito de que o propio Mozi, indicou de forma explícita, certos factores non subxectivos como constitutivos dunha vida boa. Porén, estes factores podería ter sido presentados, non por entender que son constitutivos do benestar de alguén se non por asumir que serían instrumentalmente útiles para este.

A filosofía de Mozi enfatiza a introspección, a autoreflexión e a autenticidade fronte á obediencia aos rituais. Segundo a súa experiencia, as persoas adoitan aprender sobre o mundo a través da adversidade. Xa que logo, ao meditar sobre os propios éxitos e fracasos, podemos obter un coñecemento de nós mesmos alleo á conformidade cos rituais. Así, Mozi promoveu unha vida de ascetismo e autocontrol, así como a renuncia aos luxos materiais e espirituais.

Traducións

[editar | editar a fonte]

En castelán

[editar | editar a fonte]
  • Política del amor universal (1987). Tradución directa de Carmelo Elorduy. Tecnos.[4]
  • Contra el arte de la guerra (2012). Tradución directa de Fan Yiming. Proteus.[5]

En inglés

[editar | editar a fonte]
  • The Mozi: A Complete Translation (2010). Tradución directa de Ian Johnston. Columbia University Press.[6]
  1. 1 2 3 "Mozi - Chinese Philosopher & Founder of Mohism - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-03-17.
  2. Fraser, Chris (2002). Zalta, Edward N.; Nodelman, Uri, eds. Mohism (Winter 2002 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.
  3. 1 2 Needham, Joseph; Wang, Ling (1956-01-03). Science and Civilisation in China: Volume 2, History of Scientific Thought (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-05800-1.
  4. "Política del amor universal — 墨子 (Mozi) — La literatura china traducida en España". dtieao.uab.cat. Consultado o 2024-03-17.
  5. "Contra el arte de la guerra — 墨子 (Mozi) — La literatura china traducida en España". dtieao.uab.cat. Consultado o 2024-03-17.
  6. The Mozi: A Complete Translation. Columbia University Press. 2010-02. ISBN 978-0-231-15240-2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]