17/07/12

Recortes, políticos e SMSs


recorte: s.m. 1. Acción e efecto de recortar.
recortar: 1. Cortar polas beiras ou cortar o que sobra de [algo].

político: 1. Relativo ou pertencente á política, como teoría ou como actividade. 3. Que se dedica aos asuntos de goberno ou se interesa por eles.

política: 4. Teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade. 5. Conxunto de asuntos públicos dun estado e actividade de quen se dedica a eles ou de quen participa na vida pública.

      Andamos estes días ás voltas coas palabras. Chégannos repetidas, reiteradas en todos os medios e de todas as formas. Unha das palabras máis aclamada é "recortes". Movida pola curiosidade (e quizais tamén a desconfianza) abrín as páxinas do dicionario (o santo dicionario da RAG) e descubrín que, certamente, a sociedade non está a padecer "recortes", senón cortes claros, rotundos, contundentes, tallantes. Cortes cargados de engano, que non engado, disimulados cun prefixo que perdeu o significado iterativo. Non están a cortar polas beiras o que nos sobra, non. Están a roubarnos o que nos é propio (roubar: 1.Coller [unha cousa que lle pertence a outra persoa] mediante engano ou violencia. 2. Deixar [alguén] sen algo da súa propiedade mediante engano ou violencia.). Rouban os nosos dereitos, a nosa dignidade, os nosos cartos para dárllelos a eses outros que están a construír a moderna arca dioiviana.

     E no medio de todo isto, o pobo indignado recolle a palabra boomerang. Berramos que non queremos políticos, levados pola rabia e a dolor, e veñen estes Noés modernos a dicirnos que temos razón. Meu dito meu feito, o 30% dos concelleiros eliminados. Así sen case darnos conta deixamos de estar representados e perdemos a voz e as palabras xustas. Chegan aos teléfonos SMSs "el pueblo español está cansado de todos os políticos" mentres o presidente e a súa Real corte sorrí. O meigallo está feito! Pero eu que non son "pueblo español", que non animei a "La Roja", nin pendurei da fiestra bandeiras patrias, decido non reenviar esta mensaxe e facerlle fronte. E como as palabras significan, berro alto e forte e reenvío as miñas. Non todos os políticos/políticas son iguais; non quero que se eliminen todos os cargos públicos, nin funcionarios, nin representantes do pobo. Quero que sexamos profesionais, honestos, camaradas, solidarios; quero ir pola rúa coa cabeza alta malia ter aprobado unha oposición; quero ir pola rúa e saudar cunha aperta o concelleiro que me representa e, como non, debater con ela aquelo en que non concorde. Quero que lles devolvan a dignidade (e o posto) a estas concelleiras que non cobran soldo por facer este traballo. Os políticos non son Rajoy, son a nosa irmá, o noso home, a nosa amiga da infancia que decidiron implicarse en temas sociais a cambio de nada, moitas veces. Cantos concelleiros teñen soldo no lugar en que vives? 

      Todos é unha palabra cun significado demasiado amplo. Empecemos a concretar e non caiamos na súa trampa. Xa Franco dixo un día que os políticos non eran necesarios (el abondaba para gobernar o país) e que a política era algo moi difícil de asimilar para as intelixencias populares.


Ergueremos palabras coma armas cargadas de futuro e esperanza, e non como espello do poder opresor.


 

07/05/12

O que faz falta!



Hai persoas que loitan un día e son boas,
hai outras que loitan moitos días e son mellores,
pero hai as que loitan toda a vida
esas son as imprescindibles.
Bertolt Brecht


Esta é a cita favorita de Antón. Quero comezar con ela, aínda que non vou falar de persoas, senón dos seus actos. En concreto do que este sábado houbo en Lugo.

A C Cultura do país, os de portu da EOI de Lugo (Maria Afonso e Joseph Ghanime), os do IES os ollos grandes, os do IES Ánxel Fole e a concellería de cultura de Lugo (que leva Antón Bao) organizaron unha tarde conmemorativa do 40aniversario do concerto do José Afonso en Lugo. Sei que non lles foi fácil; son moitos os atrancos que hai que salvar e moitas as portas en que se debe petar. Malia iso, fixeron realidade este fermosísimo soño.

Todo comezou ás 16:30 na biblio dos ollos grandes. Unha posta en común das vivencias dos lugueses que hai 40 anos asistiran ao concerto do Zeca. Contáronnos unha chea de anécdotas, non só do concerto, senón tamén daqueles tempos de resistencia. Acabou co compromiso de seguiren a pescudar entre os libros, entre os amigos, para nun futuro termos un outro encontro máis completo en datos. A seguir a palestra do Paulo Esperança, da associação José Afonso. Debullou o tránsito do Zeca pola Galiza cos cantores galegos, levounos até os ritmos da África para chegar de novo a este Lugo que o escoitaba cos ollos ben abertos. Todo isto acompañado dun café, dun Porto e dunhas madalenas deliciosas con que nos obsequiaron os organizadores (e como curraron para ternos ben atendidiños!!).

Nun cambio de ritmo empezou o concerto-espectaculo do canto de intervenção. Que dicir!! Volvín a aquelas épocas das ilusións, aquelas épocas en que todo era posíbel, a aquelas épocas en que eu non dubida que había cambiar o mundo cara un futuro solidario e humano. Un percorrido pola historia musicada da resistencia. Cantamos todos xuntos a Víctor Jara, a Bob Dylan, a Adriano Correia, Rui Mingas, Boris Vian e, como non, o grande Zeca Afonso. E dunha música a outra chegamos ao Grándola, en pé. Berramos forte e alto que é o povo é quem mais ordena e que non haberá presente tan ruín que non poidamos mudar.

Pola noite rematamos no Clavi co concerto do João Afonso e o Fred Martins. Novamente as voces recuperaron o ton e soubemos que, mentres haxa xente coma esta calquera futuro mellor é posíbel. Porque os tempos están cambiando grazas a estas persoas imprescindíbeis. Agora sabemos que o que faz falta é xente coma eles, soños coma estes.

E aínda coa boca doce do día de onte, pensei que este domingo só quería deixar unha pequena pegada desta tarde grande, un sincero grazas a esta xente tan grande e un soño de futuro e liberdade na terra en que habito.


25/04/12

25 de abril, SEMPRE!!

Contra o esquecemento, 25 de abril SEMPRE!!

Porque somos pobo e non años
porque somos xente e non xentiña
porque temos soños e futuro certo
porque temos vontade e voz libre
porque sabemos
porque queremos
porque estamos

porque o pobo nace LIBRE

25 de abril, SEMPRE!!!


 

15/04/12

A fotografía

Unha vez díxome "para facer boas fotografías hai que ir só".
Hoxe é un grande fotógrafo...



eu sigo a experimentar a forma de facerche o mellor retrato.


 

07/04/12

A importancia de saber... idioma

Feito real acontecido nun momento de choiva na cobertura dun pequeno garito-loja fronte ao castelo dos mouros en Sintra:

Eu comendo un sanduise. Unha familia ruidosa ao meu carón. Sae a nai furiosa da tenda porque a dependenta tratara mal (falara en moi malas formas) ao seu fillo.

Nai: pues estamos bien con esta imbécil. Y el niño sólo le pedía cambio... y muy educado. Será tonta!! Si no entiende español que lo aprenda, vamos!!

Nese momento boteille unha mirada abraiada que navegaba entre a súa prepotencia e a miña reprobación. Seguiu barullando, pero omitiu a recriminación á dependenta portuguesa que non lles falara en español. En fin, cousas veredes.

Feito irreal que podía ter acontecido en calquera lugar da meseta española ou proximidades castelán parlantes:

Entra unha portuguesa nunha tenda para comprar (non para pedir cambio). Gústanlle uns brincos pero non sabe como é que se chaman no idioma cervantino. Impertérrita e estirada a dependenta segue a atender outras persoas. Cando marcha comenta: "Si quieren viajar que aprendan español".

Segundo feito real. Viana do Castelo hora case de peche nunha tenda de agasallos varios. Mentres a dona-dependenta prepara os regalos cos seus lindos papeis e lazotes, aproveitamos para conversar. Comenta o estraño que é que lles falen en portugués os "turistas" e engade que a maioría deles teiman ata conseguir ser atendidos en español. Máis ca asombrada indignada, critico a prepotencia destes compradores raianos. Ela asinte resignada. É o que hai.

Conclusión, o español é un idioma útil tanto para viaxar como para ficar na casa.

...aínda que tamén é certo que hai outro moito máis útil (oops!) que é o inglés. Que ben quedan todos esforzándose en spikinglear con todo canto turista, emigrante ou bolseiro pasea pola terra. E éche que Shakespeare soa moito máis doce có Cervantes ese, e non digamos ca Camõens. Realmente é muito importante saber... IDIOMA.

...do cruce das linguas non falarei, teño que experimentalas un pouco máis antes de darlle ao tema. ;))

PD: non hai foto para o conto porque a cámara namorou de Lisboa e ficou lá :(

25/03/12

Anécdota III (ou virtualmente te amo)

Avassalador
Chega sem avisar
Toma de assalto, atropela
Vela de incendiar
Arrebatador
Vem de qualquer lugar
Chega, nem pede licença
Avança sem ponderar


Lenine, aquilo que dá no coração



Pois non podía ser real. Como non foi real a miña entrada naquela sala pronta a escoitarte. Tras deixarme arrastrar pola Laura ata esas horas da tarde decidín que sería unha boa forma de rematar e, certamente, o único que tiña que facer era escoitar.

Oh, que inxenua! Creo que escoitar foi o mínimo que fixen. Balanceime nas túas palabras mentres ías e viñas dun lado a outro da palestra. Naveguei os teus ollos ao tempo que os agrandabas para nos explicar como de inmenso era o noso mundo. Aniñei no teu sorriso deixándome levar da canción de Lenine que demostraba que todo era posíbel. 13 acertos é pouca galeguidade, choromiquei... mais só foi co afán de atopar o consolo do teu rostro perto.

Ameite de forma paixonal, sen razón nin propósito, salvaxemente. Ameite dende todos os currunchos e dende todos os alentos, como só se aman os amores virtuais!!


11/03/12

Esta é a miña cara!!


      Lin días atrás este artigo e dende entón, cada vez que alguén fala (ou me fala) da situación actual, volve de xeito recorrente a min. Sei que chegou o momento de dar a cara. Dála no máis extenso sentido da palabra. Teño a sensación de que cada vez somos/son máis os anónimos, os des-carados; tal vez por influxo das redes informáticas ou tal vez por aquelo que nos ensinaban no colexio da vergonza dos "pobres de solemnidade". Millares de persoas acoden aos comedores sociais, millares de persoas se autoabastecen nos colectores das grandes áreas comerciais, millares de persoas sobreviven durmindo en soportais, millares de persoas sen nome, sen rostro, sen voz. Mais eles somos nós. O que está a acontecer non é só privativo dos outros, aféctanos a todos e todas; non dun xeito solidario a través da nosa conciencia social, senón dun xeito brutalmente directo.

     Son os meus dereitos como traballadora (que non privilexios) os que se están recortando unha e outra vez ata chegar a condicións laborais de mendicidade ("dá grazas que tes un traballo", "todos temos que arrimar o ombro para acabar con isto", "hai quen está peor ca ti"). Parece que teñamos que agradecer o ter un posto laboral. Xa non se considera o salario coma a retribución do TRABALLO realizado, senón coma unha dádiva que deriva das ganancias da empresa (unha ganancia merecida e necesaria para que o país "vaia ben). O meu soldo mingua mes a mes, mentres eu agradezo inmensamente a "sorte ou designio divino" de poder cobrar algo. Ah, son unha afortunada! E mentres me avergonzo por querer ás agachadas unhas boas condicións laborais, vexo o telexornal que me abafa con números de xente (anónima) que cada día queda sen emprego.

     E, a medida que o meu soldo decrece, as miñas facturas crecen en xusta proporción inversa. Sobe a luz, o gasóleo, o IBI (quen o paga?), a comida, os medicamentos. Impóñenme gastos a modo de libros de texto para os fillos, renovación do D.I., renovación da Carta Sanitaria... (e non sei porque me lembro daquelas pólizas de tempos ha). Mais eu debo calar, ou protestar indignada polos outros no faladoiro do parque (antes podiamos facela nos cafés) porque eu son unha privilexiada. Unha privilexiada que sostén un sistema que outros arruinan.

     E volvendo ao conto, resulta que eses outros, ao igual ca min, teñen cara nome e apelidos. Pois ben, esta é a miña cara. Non é o país quen vai mal, son eu quen sofre cada día unhas inxustas condicións laborais . Non é o país quen vai mal, son eu quen vai mal; somos nós, eu e ti e ti e ela. Nós que temos cara e nome e familia e amigos. Nós que non somos un caso excepcional recollido a modo de número no telexornal do mediodía. Nós que imos ao super e levamos os fillos ao colexio e lavamos a roupa e mal durmimos. Nós que traballamos coa ameaza diaria do despido. Nós que contribuímos cos nosos cartos/traballos para ter unhas condicións de vida dignas, un futuro digno. Nós que non pedimos este mundo... Queriamos qualquer outro, qualquer outro!!!

      Ola, chámome Susana, polo de agora teño emprego mais sei que con isto só non me abonda. Mirounos en silencio, cos ollos rebordando futuro, e o grupo contestou: "ola Susana".


 

28/02/12

de lacazáns e outros mesteres.

Las autonomías disparan el déficit de 2011 por encima de la peor previsión 

Rajoy deberá recortar 44.000 millones de deficit

El deficit del 2011 abre las puertas a nuevos recortes

É dicir, a culpa é das autonomías (que haberá que ir eliminando) e ao pobre do presi non lle queda outra que "recortar". E aproveitando que o Miño pasa por Lugo, postos a recortar deficit, aproveitamos e recortamos dereitos. Dereitos dos traballadores, dereitos dos cidadáns a ter uns servizos sociais dignos (máis ca nada porque os pagamos). O xeito de o facer é fácil e xa o tiñan ensaiado moitas veces. trátase de conseguir que leemos entre nós e así eles só teñen que vir poñer paz.

Primeiro, desprestixiar os servizos públicos. Para iso empecemos por vilipendiar os seus TRABALLADORES e TRABALLADORAS. Esa panda de vagos que toman café, que "collen" baixas (porque non é o médico quen diagnostica, senón que estes papeis deben apañarse nos supermercados), que teñen un traballo asegurado de "por vida", que no canto de cotizar coma todos á seguridade social invisten máis niso que dan en chamar en muface ( e claro teñen outros servizos médicos; terán que pagar os medicamentos cando se xubilen, pero mira ti, todos sabemos que a partir dos 70 un deixa de precisar medicación). Eses privilexiados que adicaron anos a preparar unha oposición (costeándoa do seu peto), que renunciaron a vivir na súa cidade para ser trasladados onde había praza. Eses privilexiados que nunca levan traballo para casa, que cobran 1200 € ao mes, que teñen un mes de vacacións. Eses seres estraños cuxa función é garantir que o sistema social funcione.

Segundo, realizado o paso un, deixamos que sexan os traballadores de outros sectores que aclamen e clamen pola eliminación dos dereitos conseguidos dende a revolución industrial. O goberno (o pobre Rajoy), non quere; é o pobo quen pide o seu sangue. Démoslle alimento aos leóns (ou no seu defecto coreemos touradas). Como é posíbel que eu estea no paro e este señor teña un traballo fixo? Non podemos permitilo, lembremos que son uns vagos que mantemos nós. Para que quero colexio públicos ou servicios sanitarios infantís, se non podo ter fillos? Ademais eu non teño coche, non preciso que amañen estradas. E non che sou nada remirado así que tamén podemos eliminar os da recollida do lixo, ou no seu defecto deixar que saian os martes e xoves (nas visitas do Papa podemos facer unha excepción). E se xa non podo solicitar bolsas de traballo ou de estudo, pois que eliminen tamén eses departamentos. A fin de contas, coa policía para manter a orde e o exército, abonda. En caso de incendio ata poden ir eles apagar lumes. Iso si é eficiencia.

Terceiro, só queda aprobar o decreto

...e meu dito, meu feito. Xa temos un mundo mellor, capitalista e competitivo. Libre de arrasar con todo e con todos.

Un último paso, decretar neste renacido 1984, unha novilingua.


 

11/02/12

Anécdota II (ou a túa conta foi desativada)

    Érgome ás 8 e cuarto. Dúchome. Almorzo. Saio da casa. Como cada mañá vou no autobús 11 ata a oficina. Na radio soa música clásica. Non a recoñezo. Non hai rapaces nas portas dos colexios, o autobús vai case baleiro. O condutor espía no espello retrovisor un home que busca e rebusca no seu maletín. Imos de un atasco a outro entre a marea inxente de coches. Enfurecidos fan soar as súas bucinas case sen pausa. Collo o MP3 e escoito música. Subo o volume para non oír o ruído de fóra.

    Cruzo entre as mesas dos colegas sorprendida polos sitios baleiros. Ninguén me mira. Entro no despacho e prendo o computador antes de sacar o gabán. Son metálico "you've got a mail". Sento diante da pantalla e minimizo a ventá do correo. Petan na porta. Coa face contraída comeza a me explicar que non ten onde deixar os pequenos. O soldo non dá para levalos a un centro privado e... necesita o día para ver de apañar unha solución a isto. Soa o teléfono. Unha voz dende o outro lado explica que o seu pai está moi enfermo. Está con el na casa, necesita un adianto para poder levalo a un hospital. Suspiro fondamente e volvo ao computador. Premo na icona do Ópera e selecciono kiosko.net. As rúas comezan ser un caos. Fican as obras desertas, o lixo estarricado polo chan, os xardíns semellan cemiterios florais. Unha fuga de auga na avenida Transversal. Non hai operarios para reparala. Minimizo e leo o correo. Agarda outra semana dura. Repaso a bandexa de entrada. Seguen sen chegar os documentos do ERE. Quizais haxa que empezar con despidos. Volvo aos xornais. Última hora: o presidente avisa que debemos colaborar todos na manutención do seu país. Fará saír todo o diñeiro escondido que levamos nos petos. Só se pagamos polos servizos, saberemos o que realmente custan. Sobe os impostos. Ás veces alégrome de non ter familia.




05/02/12

Anécdota (ou españoles, Fraga ha muerto)

    Érgome ás 8 e cuarto. Dúchome. Almorzo. Saio da casa. Como cada mañá vou no autobús 11 ata a oficina. Ruídos da radio, rapaces que choran, rapazas que dormen, un home tose, o condutor non esquiva nin un soa das fochas no traxecto.

    Cruzo entre as mesas dos colegas medio adurmiñada. Algún aproveita para mirarme o cu. Entro no despacho e prendo o computador antes de sacar o gabán. Son metálico "you've got a mail". Sento diante da pantalla e minimizo a ventá do correo. Premo na icona do Ópera e selecciono kiosko.net. A toda plana nalgúns dos xornais a morte dese home. Dáme noxo. Minimizo e leo o correo. Agarda unha semana dura. Repaso a bandexa de entrada. Non chegaron os documentos do ERE. Volvo aos xornais. Aborrezo ese home. O alzheimer asola o país; a memoria histórica non existe. Vomito desprezo.

29/01/12

Dende o chapeu

       Non é fácil vivir dentro dun sombreiro. Hai tempo que veño experimentando con isto, mais recoñezo que non é nada doado. E non penses que o peor é non ver o sol cada mañá, ou non ter estrelas pola noite. Non, iso súplese coa memoria e a miña sempre foi moi boa. Recoñezo que custa un pouco afacerse a que non chova ou a oír o ruído do trono sen ver lostregar. Claro que isto ten a vantaxe de non precisar botas. A min gústame ir cos pés espidos, tal vez porque a vergoña me levaba a cubrir o resto do corpo. Éche o que teñen os bos costumes e a moralidade. De súpeto, sen saber como, veste inmerso nun mundo de prohibicións e restricións que non escolliches. A min gustábame nadar espido nas pozas das fervenzas. Era unha brincadeira enorme ver como desaparecía esa pequena parte do corpo que tanto me domina. Soñaba entón que era un sireno asexuado. Con isto non entendas que non me gustaba o sexo contigo (ben, contigo ou con outras mulleres); ao contrario, sempre gocei enormemente co contacto dos corpos, coa calor dos teus beizos, co tacto suave nos meus dedos da túa pel, coas túas humidades profundas. Iso si que o boto algo de menos agora. Deberían facer chapeus bicefálicos, aínda que... Non sei; quizais iso de partillar o chapeu toda a vida tampouco me gustase.
     En fin, o que che dicía, que non se está mal aquí dentro do sombreiro. Sen embargo, ás veces esmágaseme a alma cando non podo escoitar o teu sorriso. Se puideses polo menos, achegarte algunha vez ata a miña aba e deitar un sorriso, creo que estaría mellor. Non fai falla que poñas o vestido, só quero oírte sorrir.



23/01/12

unha nova historia X e final

Recompilei a historia, co título reencontro, aquí.

Unha nova historia IX


     A viaxe de volta foi estraña; diría incluso que durou máis do que as outras veces. Un gusto de liberación aceda inundaba a miña boca. Abrín o libro que Guerreiro me regalara e comecei a ler. Descubrín moitas liñas subliñadas, incluso con anotacións nas marxes. É curioso ler a través dos ollos doutra persoa, a historia pode mudar totalmente dependendo onde fagas cada pausa, cada marca, cada énfase. Pasaba as páxinas mentres as letras se enredaban na miña cabeza cos recordos. No MP3 soaba Bob Dylan. Deixei esvarar levemente o libro e adormecín uns instantes. Soñei contigo, seino agora que te coñezo. Ao espertar reparei nun pequeno papel dobrado que aparecera entre as páxinas. Collino intrigada e sorprendida por non terme decatado antes da súa presenza.
     “Cando entraches a primeira vez pola porta da miña librería, xa desexei que volveses. Namorei dos teus ollos castaños, do teu andar parsimonioso, das túas mans finas e pequenas. Mais ti nin me presentiches. O anuncio da túa volta foi máis un xogo co destino ca unha premonición. Tiña que apostalo todo para poder verte de novo. Ías marchar cun libro, como o de calquera outro lugar; era o meu labor facelo diferente. Non, non foi o libro o que che fixo regresar. Ou si. Quizais as palabras que eu lle regalei á túa novela foron as que che trouxeron novamente ata min. Agora estás lonxe, camiño deses futuros que ansias e eses sentimentos que recoñecerás como novos. Con esta carta arríscome a que non volvas, a que me tomes por un vello louco nun intento desesperado de agarrar a xuventude da túa persoa. Pero agora xa me coñeces e eu sei que non me vas xulgar por un único detalle. Mañá cando volvas á tenda, dareicha e tentarei prolongar o tempo contigo. Así pois, neste momento en que me les, iso xa debe ter pasado. Que sensación tan estraña escribir para o futuro sen saber o que nos depara o intermezzo.
      Ben, xa o sabes. Este vello aínda pode conmoverse cando o deixan navegar ollos con sabor a café. Agora só resta que consiga darche isto e que retornes algunha vez ata este home que te bota de menos.”

      Desconcertoume fondamente ler aquilo. Sentinme afagada e confusa. Devecía desesperadamente, dende hai moito tempo, por estas palabras e agora pronunciábanas para min. Que ruín é ás veces o destino!! Cerrei o libro e os ollos. Envolveita na música e no futuro do mar deixeime levar ata o meu destino. O que pasou despois, máis ou menos, xa o sabes. Chegaches ti, tornei a sotavento e arribamos neste novo porto. De verdade aínda non entendes por que cada ano debo volver a Creonteira?

But it wont be over till they clear his name
And give him back the time hes done.

12/01/12

Unha nova historia IX


     Premín sobre a icona de aceptar, non había volta atrás. 300€ menos na miña conta e un documento en PDF que confirmaba a reserva no hotel. Subín no tren coa mesma maleta que noutrora, mais con diferentes ansias. O corazón tremía incesantemente impedindo concentrarme nas letras do libro ou na música que soaba nos meus oídos. Devagariño deixeime adormecer mentres as árbores escapaban aos meus ollos. 

     Cheguei á cidade coñecida. Perseguín as pegadas que ficaban inmóbeis na miña memoria. Un taxi vello cun condutor que falaba e falaba e falaba levoume ata o hotel. Abrín a maleta e pendurei a roupa do armario antes de me dirixir cara a libraría. Anhelaba revisar os seus andeis e enredarme no cheirume dos libros. Percorrín diversos tomos cos ollos, cos dedos, co gusto... 

     Resgate 
outono Não sou isto nem aquilo
É o meu modo de viver
É, às vezes, tão tranquilo
Que nem chega a dar prazer...
Todavia, onde apareço,
Logo a paz desaparece
E a guerra que não mereço
Dá princípio à minha prece.
És alegre? Vês-me triste?
Por que não te vais embora?
Quem é triste é porque é triste.
E quem chora é porque chora.
Tenho tudo o que não tens
Tenho a névoa por remate.
Sou da raça desses cães
Em que toda a gente bate.
Só a idade com o tempo
Há-de vir tornar-me forte.
A uns, basta-lhes o vento...
Aos Poetas, basta a morte.
Pedro Homem de Mello, in Eu Hei-de Voltar um Dia

- Volviches.
    Levantei a vista e vin o seu sorriso afectuoso saboreando a satisfacción de ter acertado no seu prognóstico. Sentín entón a necesidade de aclararlle
- ...mais non foi o libro. Non era unha grande obra, soamente entretida.
- Malia iso, aquí estás.


    Volveu sorrir de xeito suave e cómplice mentres regresaba ao mostrador. Demorei ata me decidir por unha edición de Dylan Thomas. Novamente rompín un costume; un autor que xa lera e nunha lingua que non era a propia da cidade. Quizais foi iso o que me levou a pagalo a toda présa co desexo de terme tornado invisíbel. Era a miña primeira vez, aínda sentía aquela vergoña que se ten cando se está acabar cos pactos. Tomou o libro para anotalo no seu computador e imprimiu o recibo. Pousou as voltas sobre a miña man mentres me despediu cun simple "até amanhã".
    Co libro oculto no bolso encamiñeime cara o restaurante de Aurelio. Esperaba velo na entrada a recibirme cun enorme sorriso que fixera retroceder o tempo e máis as horas. Certamente a realidade é ben teimuda e nada ten a ver cos filmes de Hollywood. Ocupei unha mesa baleira xunto da vidreira dende onde podía controlar o ir e vir da cociña. Gastei tempo en decidir o menú e finalmente tiven que facelo soa. Abrín o libro e paseei a vista polas súas letras sen conseguir percibir nada do que lía. Nesta paciencia anglófona cheguei á sobremesa. Un café remexido unha e outra vez levoume ata o final do xantar. A conta, as grazas, o sorriso de "moi amábel", o abrigo, o bolso, a saída.
    Derrubeime sobre a cama do hotel deixando que o peso de cen mil derrotas anegara o meu corpo. Vinme afondar no océano sabendo que o meu sino era aboiar; sempre aboiar. Creo que é o sino de todas as mulleres mariñas. Podería ter disfrazado a tarde con visitas aos museos ou longos paseos polos enclaves significativos da cidade, sen embargo non fora para enganarme. O meu obxectivo era atopalos e retomar a vida dende aquel momento do pasado. Prendérame do futuro imaxinado como quen se prende dun salvavidas no medio dunha tormenta oceánica. Ulises e as súas sereas nunca saberán o que é ter un soño. Malia buscalos en rúas e bares nocturnos non dei con eles. Desapareceran deste presente que parecía tornarse inhóspito co correr do reloxo.
    Volvín á libraría na mañá seguinte. O meu libreiro non me deixou adentrarme nos andeis.
- Teño o libro que precisas.
    Estendeumo ao tempo que saía de detrás do mostrador; non agardaba resposta. Puxo o abrigo e cun aceno levoume cara a rúa. Non podía comezar o día sen un café e un bolo de arroz. El era adicto á cafeína aínda que tivera que deixar o doce por prescrición médica. Nacera naquela cidade e nunca dela saíra a non ser a través das aventuras literarias. Tiña un fillo a quen non vía dende había 20 anos. Os seus ollos minguaban ao falar del.
- Eu non teño familia. Hai unhas persoas coas que comparto apelido e cea de nadal- . Deixou que falase durante longos minutos sen interromperme. Os pensamentos manaban a cachón, caóticos, como nunca o tiveran feito na miña boca. Cesou a cachoeira e ficamos en silencio diante da louza baleira.
   Estabamos xa na rúa. Fronte nosa un músico interpretaba un fado para os turistas que deixaban orgullosos as súas moedas no chapeu. Miroume e antes de partir regaloume nos ollos as palabras quedas: "As derrotas non son nosas, son da sociedade que nos dita estereotipos que non amamos. Nin sempre hai que ler as obras en lingua orixinal. Un tradutor invisíbel pode ser o mellor aliado dun escrito. Quizais o esencial sexa invisíbel para os ollos, pero o corazón non ten a capacidade de ver. Deixa que sexan os teus pasos os que te guíen, non busques, non esperes. O maior dos goces está sempre no traxecto".
    Quixen, ao igual que o principiño, memorizar as palabras do meu recoñecido raposo. Acudiu á miña cabeza a imaxe da roseira, dos planetas, dos baobabs. Dende agora a vida había ser miña. Podía culpar a familia, os colegas, a sorte, todo o que quixer, mais a responsabilidade única de vivir era miña. É miña. Volvín para o hotel preparar a maleta. A miña viaxe rematara.

 "My birthday began with the water -
Birds and the birds of the winged trees flying my name
  Above the farms and the white horses
         And I rose
     In rainy autumn
And walked abroad in a shower of all my days"  
 'Poem in October', D T


04/01/12

Unha nova historia VIII



Pedes-me a vida inteira
e a vida inteira, não!
Dou-te o que sobrar ao coração
do incêndio do mundo,
 depois da chama derradeira.
E se puderes então 
ser-me a palma da glória,
para isso te levo na memória.
Carlos Oliveira, "Incêndio", poema suprimido en Colheita Perdida


     Malia o pasar do tempo, a memoria do fado non desaparecía. Os días transcorrían devagar no recordo, mais o calendario non deixaba de tirar as follas como se un outono feroz se tivese apoderado del. O verán chegou con máis choivas ca calores e o estudantado parecía adurmiñado nunha eterna hibernación. Fóra rompían mundos, rebentaban vidreiras, desbordaban océanos, escachaban terras. O planeta entrara nunha violenta erupción que me perturbaba e desacougada mentres continuaba coa miña rotina. Había un eu que quería fuxir lonxe deste eu que me acompañara dende sempre; un eu interior que furaba e furaba na constante procura do ar.

     Chamou meu irmán para dicirme que virían el e a súa muller pasar uns días á miña casa. Examinábase a súa filla para conseguir un posto na administración. Vina maior, unha muller resolta enarborando uns vaqueiros gastos, non polo tempo, e pisando con forza no chan. Quixen falar con ela de futuros, de presentes, de soños, pero todo ficou conxelado no seu doce sorriso. Seu pai, presto e atento, respondía por ela cada unha das cuestións; a súa nai ía engadindo pequenos detalles cando o consideraba necesario. Ela sorría. Sentinme tan allea a aquela xente!!

     A súa marcha renovou as preguntas sobre as coincidencias familiares. Eles alleos, navegando por riba do ben e do mal. Eu presente, enlarafuzándome co lodo dos pecados térreos. A ovella negra do redil; esa que o pastor quere por bondade de seu e non polas súas virtudes dela. A ovella negra á espera dun lobo feroz que a devore para sempre e deixe aboiar aquel outro eu que non precisa de elos. Renegar das cadeas como algo necesario para ser unha, única, soa, desterrada. Abandonara o mar na traición de recoñecerme; non  tardei en saber que o sal que nos conforma arrastra a memoria de todas as mareas. Non hai espellos desembafados , hai que limpalos coidadosamente para que devolvan o reflexo exacto.


Pedes-me a vida inteira
e a vida inteira, não!

...e a vida enteira daría por un momento de incendio, por un segundo de sentirme arder nas colosais lapas do extremo. Asasinar a moderación a mancheas, con fruición, con forza, sen desalento. Asasinar os modais e a moda, o reloxo e o correo, os sorrisos e os incisos moderados. Asasinar este eu sometido ata deixar exsangue este corpo inexpresivo. Asasinar e amar. Amar-te. Amar-me. Amar-nos. 

Sabes do que che estou a falar?
Non, só sei que te amo.
Esa é a túa desgraza




31/12/11

Un inciso

Maldita madalena!!
Parece que nestas épocas sempre anda todo un pouco revolto. Creo que isto é debido, na súa maior parte, a esta idea de estarmos felices e sermos "bos" que nos venden dende pequenos. Mais xa a experiencia de cada ano nos leva a constatar que estas datas son propensas para os desencontros, para as tristezas, para as frustracións. Como consegue unha estar á altura da alegría de todos os anuncios da tv?

O certo é que eu, coma sempre, comecei cunha ilusión desbordante; anunciando aos catro ventos (e aos dous furacáns que me acompañan dende nena) a miña ilusión pola chegada do nadal. Non polo seu significado relixioso, que pouco ou nada me di, senón polos reencontros coa familia, os agasallos, os vestidos novos... Mais non hai dúbida que da ilusión deriva a xente ilusa. Xa anunciaron novos recortes no meu soldo acompañados de máis horas de traballo; augúrase a desaparición pública da miña lingua en beneficio dunha case imposíbel de pronunciar (e é que len moi raro); a familia encontrouse e, como en cada cea masiva, apareceron os desencontros (malia ter coidado de non falar de política, nin de relixión, nin moito menos de sexo). E por se todo isto fose pouco, chamáchesme para que oíse como afirmabas que xa non me queres (son tan volúbeis os sentimentos!!). 

Aínda así segue a facerme ilusión ver as rúas engalanadas, espallar risos polo salón mentres escollemos o vestiario das pequenas, comprar ás carreiras os agasallos e agochalos ata a noite de reis e gozar das vacacións tan merecidas e ansiadas. Durmo moitas máis horas, leo moitísimas máis e, sobre todo, pénsome dunha forma moito máis amábel... malia o teu adeus, a redución do salario, o aumento do traballo mal pagado. Sei que fóra todo vai mal, pero aférrome na idea de que o 2012 nos traerá grandes realidades desprendidas dos nosos propios soños.

 Moitísima felicidade para todas e todos os que por aquí pasades.
Un beixo de cava para cada un!!!