Saltar ao contido

Vigo

Vigo
 Nome orixinal
    Vigo (gl)   Editar o valor en Wikidata
 Nome oficial
    Vigo (gl)   Editar o valor en Wikidata
 Xentilicio
vigués (es)  
viguesa (ast)  
vigueso (ast)  
vigués (ast)  
viguesa (es)  
vigueses (ast)   Editar o valor en Wikidata
Imaxe do escudo de armas
Imaxe da bandeira
Imaxe
 Instancia de
 Parte de
 Lista do elemento
Características
 Economía
Implicados
 Xefe do goberno
Cargo: alcalde de Vigo Editar o valor en Wikidata
Abel Caballero (2007 - ) Editar o valor en Wikidata
 Ten en propiedade
Historia
 Substitúe
Bouzas (1836 - 1904)
Lavadores (1836 - 1941) Editar o valor en Wikidata
Localización
 Situado en
 Xeografía
 Bañado por
 Capital
 Comparte fronteira con
 OpenStreetMap
Mapa
 Coordenadas
Cifras e dimensións
 Poboación
287.282 (2001) rexistro civil
288.324 (2002) rexistro civil
292.059 (2004) rexistro civil
293.725 (2005) rexistro civil
293.255 (2006) rexistro civil
294.772 (2007) rexistro civil
295.703 (2008) rexistro civil
297.332 (2009) rexistro civil
297.124 (2010) rexistro civil
297.241 (2011) rexistro civil
297.355 (2012) rexistro civil
296.479 (2013) rexistro civil
294.997 (2014) rexistro civil
294.098 (2015) rexistro civil
292.817 (2016) rexistro civil
292.986 (2017) rexistro civil
293.642 (2018) rexistro civil
295.364 (2019) rexistro civil
296.692 (2020) rexistro civil
293.837 (2021) rexistro civil
292.374 (2022) rexistro civil
293.652 (2023) rexistro civil
293.977 (2024) rexistro civil
294.489 (2025) rexistro civil Editar o valor en Wikidata
 Poboación feminina
156.528 (2020)
155.665 (2019) Editar o valor en Wikidata
 Poboación masculina
140.164 (2020)
139.699 (2019) Editar o valor en Wikidata
 Superficie
   109,06 km² Editar o valor en Wikidata
 Altitude
   28 m Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Código postal36201–36216 Editar o valor en Wikidata
Código INE36057 Editar o valor en Wikidata
OpenStreetMap341381 Editar o valor en Wikidata
VIAF146544129 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/026kzs Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
 Webcast
Facebook: 168168246554044 Enciclopedia Galega Universal: 198396 BNE: XX450758 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

Vigo (Gl-Vigo.ogg pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica[1]) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo, a máis meridional das Rías Baixas.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas de Morrazo e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Con 480 525 habitantes na área metropolitana e 296 227 habitantes na cidade en xullo de 2023,[2] é o concello máis poboado de Galicia, o décimo cuarto de España, e o primeiro sen rango de capital de provincia.[3] A súa extensión é de 109,06 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2720,45 hab/km² aínda que na zona urbana se incrementa notablemente.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xeografía de Vigo.

Limita ao norte co océano Atlántico, ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos concellos do Porriño e Gondomar, e ao suroeste co concello de Nigrán.

A cidade presenta unha topografía variada na que se suceden áreas deprimidas e sectores elevados, zonas case chás e outras en pendente, estando o seu centro nun monte, o Castro, con 149 metros de altura e unha superficie de 21 ha.[4] Isto fai que moitas das rúas dos barrios centrais sexan pendentes moi pronunciadas. Salienta como punto máis alto o Monte Galiñeiro, seguido do Monte Alba, ambos os dous pertencentes á Serra do Galiñeiro.

División administrativa

[editar | editar a fonte]

O concello de Vigo ten un gran núcleo urbano, no que prima a división administrativa baseada nos barrios, como As Travesas, O Calvario, O Berbés, Casabranca, O Areal, O Castro... Porén, a división tradicional en parroquias, formada por aldeas e lugares, segue estando moi viva.

Parroquias históricas de Vigo

As parroquias históricas do concello de Vigo son: Alcabre, Beade, Bembrive, Bouzas, Cabral, Candeán, Castrelos, Coia, Coruxo, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Saiáns, San Miguel de Oia, Santo André de Comesaña, Sárdoma, Teis, Valadares, Santa María de Vigo, Santiago de Vigo e Zamáns.

Debido ao crecemento da cidade, foron creadas novas parroquias eclesiásticas, tanto no núcleo urbano, como San Francisco do Berbés, Santo Antonio da Florida, Santa Marta de Balaídos, Santa Lucía da Salgueira ou San Xoán do Monte, como tamén na zona periurbana, como San Paio de Lavadores, Santa Clara ou Santa Tareixa de Xesús. Dúas delas, A Florida e San Paio conseguiron o rango de parroquia civil no Nomenclátor de Galicia[5], mais non aparecen no Nomenclátor estatístico de Galicia[6]. Ao igual que Bouzas e Coia (e algunhas partes de Lavadores, Freixeiro e Teis), os datos censuais destas últimas son incluídos dentro da cidade de Vigo[6]. Á esquerda pode verse o mapa das parroquias eclesiásticas do concello.

División en parroquias eclesiásticas de Vigo.

Eclesiasticamente divídese en seis arciprestados: Vigo-Santo André, Vigo-Fragoso, Vigo-Lavadores, Vigo-Teis, Vigo-Casabranca e Vigo-Centro.

O clima da cidade de Vigo é oceánico con influencias mediterráneas (tipo "Csb" na clasificación climática de Köppen). Caracterízase por uns invernos suaves e chuviosos e uns veráns cálidos pero non extremos, xa que as temperaturas non adoitan superar os 35 °C. A cidade caracterízase por un clima suave, con escasas xeadas, variacións térmicas moderadas e con precipitacións elevadas e certa seca estival. Pódese dicir que é un clima oceánico de transición ao mediterráneo, un clima privilexiado característico das Rías Baixas. O mar exerce unha acción suavizadora do clima, reducindo a diferenza de temperaturas estivais e invernais. Os ventos do nordés arrastran no verán as augas superficiais quentes permitindo así o afloramento das frías. Debido á súa baixa temperatura, esas augas non forman nubes, o que provoca a falta de chuvias durante o verán.[Cómpre referencia]

A ría de Vigo é un dos puntos máis chuviosos de Galicia, con abondosas precipitacións e rexistro de 1 918 milímetros anuais, segundo fontes da AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía). Isto provoca que Vigo sexa a terceira cidade de Europa onde máis chove ao ano (medido en litros por metro cadrado) tras Trondheim (Noruega, primeira) e Santiago de Compostela (Galicia, segunda). Porén, Vigo conta cun maior número de días albadeados que a meirande parte de concellos galegos, equiparábel aos que teñen en Tarifa, Málaga ou Valencia.[7][8] No inverno as xeadas escasean e as temperaturas non adoitan baixar dos 12 °C.


As temperaturas que se amosan na táboa inferior, pertencentes á estación meteorolóxica do aeroporto, non reflicten a realidade do clima da cidade, moito máis benevolente. Aínda que as medidas son certas e tomadas dentro do termo municipal de Vigo, están tomadas a 264 metros de altitude e a 10 quilómetros do centro, no aeroporto, nunha zona onde o clima é máis frío que na cidade e onde a brétema é bastante frecuente.

Aeroporto de Vigo (1972-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 21,0 27,6 28,0 29,6 33,6 38,6 36,6 37,5 36,0 30,0 24,6 23,2
38,6
Temperatura máxima media (°C) 11,6 12,9 15,1 16,1 18,2 22,0 24,3 24,2 22,4 18,5 14,7 12,3
17,7
Temperatura media (°C) 8,3 9,3 10,9 11,9 14,0 17,3 19,4 19,4 18,0 14,6 11,3 9,2
13,6
Temperatura mínima media (°C) 5,0 5,8 6,6 7,7 9,9 12,6 14,6 14,6 13,6 10,8 7,9 6,2
9,6
Temperatura mínima absoluta (°C) -4,0 -5,0 -3,0 -0,2 2,0 4,6 7,6 7,2 5,0 2,0 -0,8 -3,4
-5,0
Precipitacións (mm) 255 219 145 148 141 73 43 40 113 215 228 298
1909
Horas de sol 113 116 176 184 217 269 296 281 205 154 109 90
2212
Humidade relativa media (%) 85 81 76 75 77 74 74 74 78 82 86 86
79
Fonte: AEMET

Demografía

[editar | editar a fonte]
Cantidade de poboaciónAno286.000288.000290.000292.000294.000296.000298.000200020052010201520202025VigoEstatísticas de poboaciónNota: Este gráfico xerouse automaticamente a partir de datos recollidos de Wikidata. Se precisa cambiar ou actualizar algún dos datos, fágao no propio Wikidata.
Datos demográficos de Vigo
(1842-2010)
AnoPoboaciónFogares
184267421770
189711 4123528
191017 2228659
193065 01212 910
194085 27214 376
1950137 87334 164
1970197 14449 122
1981258 72469 474
1991278 05080 099
2001287 282*93 425
2011297 241*
2018293 642|
Fonte: INE (*=IGE).[9]
Censo total 2018 293 642 habitantes
Menores de 15 anos 40 967 (13.95 %)
Entre 15 e 64 anos 188 044 (64.04 %)
Maiores de 65 anos 64 631 (22.01 %)

Segundo os datos do censo, no ano 1910 había ao redor de 17 300 habitantes, fronte aos 296 479 do ano 2013.[10]

A cidade de Vigo foi durante as últimas décadas unha das cidades europeas con maior crecemento da poboación.[Cómpre referencia] Con respecto a principios do século XX a súa poboación multiplicouse por 13, e con respecto a mediados dese século, duplicouse. Este incremento tan grande non se pode achacar só ao crecemento vexetativo, hai dous factores que contribuíron decisivamente:

  • A migración interior, sobre todo desde outras zonas de Galicia, atraída pola oferta de man de obra, sobre todo na industria viguesa.
  • Os cambios nas divisións administrativas: o actual concello de Vigo é froito da fusión ou absorción dos concellos históricos de Bouzas, anexionado en 1904, e Lavadores, anexionado en 1941. Esa circunstancia histórica reflíctese aínda hoxe na fala popular, onde é común escoitar "vou a Vigo", para referirse a "vou ao centro".

A maior parte da poboación concéntrase na cidade, aínda que as parroquias periféricas posúen tamén un importante continxente da poboación e unha alta densidade (a máis alta de España se se exclúen as zonas urbanas)[Cómpre referencia]. De feito no 2008, segundo o Instituto Nacional de Estadística, á parte da cidade de Vigo, existían no municipio 15 núcleos de poboación que superan os 1000 habitantes: Babío (1275), Saa (1223), A Penís (1149), A Fonte Escura (1238), Pereiró (4150), A Ponte (2267), Freixeiro (2573), Mantelas (1563), Salgueira (1248), A Bagunda (2686), A Bouciña (1657), Barreiro (1686), A Ceboleira (2868), Pardavila (4388) e A Garrida (1242).

Área metropolitana

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Área Metropolitana de Vigo.

A área metropolitana de Vigo esténdese por todo o sur da provincia de Pontevedra, limitando ao sueste coas comarcas do Condado e da Paradanta, ao sur coa do Baixo Miño, ao norte coa ría de Vigo, a comarca do Morrazo e a comarca de Pontevedra e ao oeste co océano Atlántico.

Segundo o INE, tiña unha poboación de 478.427 habitantes no ano 2015, dos que 294.098 habitantes vivían no concello.[11]

Actualmente a área metropolitana de Vigo está formada polos seguintes concellos: Baiona, Cangas de Morrazo, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e mais Vigo.[Cómpre referencia]

Inmigración

[editar | editar a fonte]

Segundo un estudo rematado no final de 2012 polo Instituto Galego de Estatística; indica que a maior parte da poboación viguesa naceu no propio concello (58,9 % e 175 142 habitantes), habendo unha porcentaxe considerábel de residentes nados noutras localidades de Galicia (24,2 % da poboación do concello). Mentres que un 16,9 % da poboación viguesa naceu en diferentes comunidades da xeografía española de fóra de Galicia.[12]

Amais en Vigo existe unha importante porcentaxe de estranxeiros residentes na cidade; segundo un estudo publicado en xaneiro de 2014 polo Concello de Vigo, na cidade habitaban un total de 19 354 estranxeiros censados (800 menos có ano anterior); da poboación estranxeira residente en Vigo, a maior parte eran orixinarios de diversos países de Europa (7235 habitantes, principalmente cidadáns doutros países da Unión Europea, sobresaíndo principalmente as colonias de cidadáns portugueses con 3 063 habitantes e a romanesa con 1.551 habitantes, e logo as colonias de Italia con 827 habitantes, Francia con 403 habitantes, Reino Unido con 208 habitantes, Alemaña con 212 habitantes e Polonia con 145 habitantes).[Cómpre referencia]

Por unha marxe moi estreita sitúanse xustamente por detrás os cidadáns orixinarios de América (cun total de 7.088 habitantes, principalmente de América do Sur e en especial do Brasil con 1.518 habitantes, Colombia con 887 habitantes, Uruguai con 685 habitantes, Arxentina con 597, Perú con 551 habitantes e Venezuela con 423 habitantes).

Moi por detrás atópanse os cidadáns africanos (1589 habitantes, salientando principalmente os núcleos de poboación de cidadáns senegaleses con 597 habitantes e os marroquís con 374 habitantes), os asiáticos (734 habitantes, case todos chineses con 489 habitantes) e finalmente cidadáns procedentes de Oceanía, que apenas chegan aos 8 habitantes, orixinarios todos eles de Australia.

É precisamente o aumento da poboación estranxeira censada na cidade nesta última década o que fixo aumentar o censo de habitantes no padrón municipal de Vigo. O devandito fenómeno afecta do mesmo xeito á súa área metropolitana, que viu como o censo de estranxeiros aumentaba nos últimos anos.

Cabe sinalar que froito deste fenómeno o barrio vigués do Calvario converteuse no barrio con maior presenza de inmigrantes de toda Galicia.[13]

Artigo principal: Historia de Vigo.
Véxase tamén: Reconquista de Vigo.
Reprodución de vivendas castrexas no Museo do Castro.

Vigo e a súa comarca estiveron poboados desde tempos antigos, como testemuñan a gran cantidade de dolmens e mámoas, a pesar de que os restos atopados non abranguen épocas anteriores á Idade da Pedra, período do cal se atoparon media centena de útiles tallados en cuarzo e cuarcita. A cultura castrexa desenvolta en Galicia deixou na cidade olívica importantes pegadas, que levan a pensar que a cidade tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia.

En Vigo o proceso de romanización foi moi temperán e intenso, aínda que durou preto de seiscentos anos. Recentes intervencións arqueolóxicas falan dun importante asentamento, o Vicus romano.

A información de cidade con respecto á Idade Media é moi escasa. Os ataques xermanos e piratas provocaron unha emigración de gran parte da poboación cara a zonas máis seguras no interior. Coa dominación da sociedade galega por parte da xerarquía eclesiástica nesta época, Vigo dependeu durante moito tempo do mosteiro de Melón. Foi xa avanzada a Idade Media que Martín Codax compuxo as súas cantigas de amigo.

Do século XV ao XVIII Vigo foi medrando paseniño, a pesar dos constantes ataques piratas. Acadou durante a Idade Moderna importancia na actividade artesanal e mailo comercio pesqueiro. Os armadores vigueses, encargados da defensa da ría, rexeitaron en 1589 o ataque dunha armada inglesa ao mando de Francis Drake. Tamén foi histórica a batalla de Rande.

Vigo en 1877. No final do s. XIX a vila tiña uns 15.000 habitantes.

A comezos do século XIX Vigo foi, como moitos outros lugares de España, ocupado polo exército de Napoleón. Un levantamento popular encabezado polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” expulsou o exército francés. A segunda metade do século foi un período de continuo crecemento da cidade, e un considerable aumento da súa industria. No final do século, a cidade contaba con 15.000 habitantes.

Evolución histórica das divisións municipais do territorio de Vigo.

O século XX caracterizouse pola engalaxe económica. Instaláronse novas industrias, melloraron as comunicacións, creáronse plans de ancheamento da cidade etc. No primeiro terzo de século o seu porto encheuse de milleiros de galegos que embarcaban para as Américas. Tamén foi salientable a actividade social e cultural: xornais, asociacións políticas, sindicatos... Toda unha actividade neutralizada polo comezo da guerra civil española (19361939). Entre as vítimas pódese citar o alcalde Emilio Martínez Garrido, fusilado o 26 de agosto de 1936.

Nas décadas de 1960 e 1970, Vigo sufriu un crecemento urbano acelerado e ás veces desordenado, motivado polo desenvolvemento industrial. A oferta laboral atraeu numerosa inmigración das zonas rurais de Galicia. A pesar da crise do petróleo, que azoutou a cidade entre 1975 e 1985, desde finais da década de 1980 obsérvase certa recuperación económica, que afianzou a comarca como unha moderna e importante zona industrializada e de servizos, tendencia que se prolonga, aínda que con certo ritmo decrecente, ata o presente.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Vigo é un topónimo latino frecuente para aqueles pequenos poboamentos semiurbanos ou rurais sen fortificar, ou "aldeas".[14][15][16] Neste caso xorde do "Vicus" altomedieval, entre os séculos IX e X.[17][18][15] No actual sur galego as "villae" xorden ligadas aos castros; mentres que no norte galego, no centro lucense e no asturiano, as "uillae" estiveron ligadas aos asentamentos romanos.[19]

A orixe do Vigo actual atópase no asentamento da vila, empedrada e estruturada, que nace aos pés do Castro tralo declive nos séculos VI-VII da cidade romana que alí se atopaba,[17][20][21] e que seguramente se denominaba Burbida.[17][22]

Téñense barallado as orixes do topónimo en Vicus Spacorum e Vicus Helleni pero ningunha ten fundamentos históricos.[17][20][22][18] Postulouse que Spacorum (xenitivo plural de Spacori) era a tribo das terras próximas.[Cómpre referencia] A identificación da cidade con eses dous Vicus non se sustenta co que se coñece do percorrido da Vía XIX, e na cal se fundamentaban. Suporía unha desviación irrealista no percorrido da vía que conectou Compostela ou Iria Flavia con Tui[23][17], inda que si que encaixa coa Burbida desa vía[17]. Burbida sería un importante porto comercial e con industrias de salga que se asentaba nas inmediacións da actual colexiata[Cómpre referencia].

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Vigo é unha cidade interesante para o turismo, cun fermoso porto e zona antiga, museos variados (de arqueoloxía, arte antiga e contemporánea etc), zonas comerciais, unha gran dotación de hoteis e rodeada de localidades e paraxes de grande atractivo turístico e paisaxístico.

Celebración da Reconquista, praza da Constitución.
Porta do Sol co Sereo en primeiro plano.
Praza de Compostela, A Alameda.
Edificio Simeón.

Patrimonio arquitectónico

[editar | editar a fonte]
Edificios modernistas
[editar | editar a fonte]

Vigo ten un elevado número de edificios modernistas, sendo importante tamén o número de edificacións doutros estilos como o eclecticismo (Casa de Fernando Carreras) e o racionalismo, que lle dan a singular aparencia a varias zonas do centro urbano. Así, salferindo o trazado urbanístico de Vigo atópanse edificios monumentais, pequenas alfaias de autores como Antonio Palacios Ramilo (Teatro García Barbón, Jenaro de la Fuente Domínguez (arquitecto do Hotel Universal e a Casa Bonín), Manuel Gómez Román (antigo Edificio Simeón na Porta do Sol, Edificio Mülder),[26] Michel Pacewicz (os números 13,15,17 da rúa Urzaiz e os nº 15,17,19 da avenida García Barbón) e José Franco Montes (autor da casa de Joaquín Perez Boullosa na praza de Compostela número 24 e a casa dos irmáns Suárez en Montero Ríos número 2).

Edificios románicos
[editar | editar a fonte]
Igrexa de Santa María de Castrelos.
Centro Social Afundación Vigo.
Museo do mar de Galicia.
Museo MARCO.
Casa das Artes.
Museo Municipal Quiñones de León.
Centro Cultural Afundación Vigo no Teatro García Barbón de Vigo.

É tal a importancia do románico que se conserva no municipio de Vigo que moitos autores españois chegaron a acuñar o termo de románico vigués.[Cómpre referencia] Consérvanse tres importantes exemplos de igrexas románicas do sur de Galicia:

  • Igrexa de Santa María de Castrelos, a tan só 100 metros do núcleo urbano; do século XII, está formada por unha única nave de ábsida semicircular e unha planta de 20 por 7 metros. No seu muro interior norte poden verse unhas interesantes pinturas murais, restauradas a metade dos anos 90 do século pasado, datables nos séculos XV-XVI, posiblemente. Representan un Cristo en Maxestade, unha misa de san Gregorio e unha epifanía.
  • Igrexa de San Salvador de Coruxo, tamén do XII. Destaca a súa monumental ábsida e os motivos dos seus canzorros. Trátase da igrexa monasterial do antigo priorado que existiu alí ata ben entrada a idade moderna.
  • Igrexa de Santiago de Bembrive, do século XII e tamén cunha ábsida de importancia.

Museos e Centros culturais

[editar | editar a fonte]

O Centro Social Afundación Vigo é un edificio multiúsos adicado a diferentes tipos de exposicións. Entre as súas exposicións destaca a antiga Colección Caixanova. A Colección Caixanova está formada por máis de 4.000 obras, das cales se expoñen 120 que van dende o século XIX até os nosos días. Xunto coa Colección Caixanova destaca a Exposición Naturnova, centro interactivo de educación ambiental formado por 37 módulos organizados en tres áreas temáticas: O Universo, A Biosfera, O Home e O Medio. Ademais, o centro conta cun auditorio, salón de recepcións, instituto de desenvolvemento, centro de iniciativas sociais, área de novas tecnoloxías e tres zonas de exposicións temporais procedentes de diferentes museos ou coleccións privadas. O Centro ocupa a Casa Bárcena, edificio de estilo ecléctico deseñado polo arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Domínguez no final do século XIX. O inmoble constitúe unha das súas mellores obras na cidade.

O Museo do Mar de Galicia está emprazado na beira da ría, en Punta de Muíño (parroquia de Alcabre).

O seu contido museístico versa sobre o mar e a súa relación con Galicia e as xentes que dependen del. O edificio en que está aloxado foi deseñado polos arquitectos Aldo Rossi e César Portela, aínda que o primeiro faleceu antes de comezar as obras.

O Verbum – Casa das palabras é un museo interactivo sobre todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado como un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que se pode participar dun modo activo nos elementos expositivos. Escolleuse o nome de Verbum, vocábulo latino que significa "palabra", porque a palabra é a orixe do proxecto e o latín é a orixe das linguas faladas en Galicia. A construción atópase situada en primeira liña fronte ao mar, no contorno da praia de Samil; zona de lecer cun longo paseo marítimo que bordea a praia, ademais de zonas verdes, dotacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostalería e aparcadoiros.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo está situado nun edificio que constituíu na súa orixe un cárcere. Anos despois sería rehabilitado de forma que o 13 de novembro de 2002 volvería abrir as súas portas como museo. Consta de dúas plantas e un espazo anexo. Acolle exposicións artísticas en diversos soportes tales como fotografía, escultura ou pintura. Ademais destas mostras tamén presenta diversas actividades didácticas.

A Casa das Artes, situada na rúa Policarpo Sanz, é o centro principal de exposicións temporais programadas pola unidade de cultura do concello de Vigo. Tamén constitúe a sede da Fundación Laxeiro e da colección Luis Torras.

A Casa Galega da Cultura é un centro multidisciplinar, no que se concilia a programación de actividades artísticas e literarias coa existencia dun fondo bibliográfico e museográfico altamente cualificado no que se refire ó estudo da realidade histórica e actual de Galicia. O centro dispón de sala de exposicións temporais, salón de actos, sala de exposición permanente, sala de lectura e sala de lectura para investigadores, amais de dependencias de uso interno. Entre os elementos máis salientables da Casa Galega da Cultura cómpre referirse á Biblioteca Penzol, a Biblioteca Fernández del Riego e o Museo Francisco Fernández del Riego.

Centro Arqueolóxico de Salinae, son unhas salinas romanas, achadas, a principios do século XXI, con motivo da construción dun centro de saúde na rúa Rosalía de Castro. Resalta deste sitio arqueolóxico o seu tamaño e a súa vinculación con outros achados da zona contemporáneos no tempo. A Consellería de Cultura desenvolveu un plan de musealización do asentamento que, dependente do Museo do Mar, foi aberto ao público no ano 2009.[27]

O Museo Municipal Quiñones de León está situado no antigo Pazo de Lavandeira, que fora doado polo Marqués de Alcedo en 1925, está dividido en tres áreas; na planta baixa está decorada simulando o aspecto do pazo cando estaba habitado, outra área está dedicada a arte galega contemporánea e, finalmente, está a área de prehistoria e arqueoloxía de Vigo e a súa bisbarra.

O Teatro García Barbón está en pleno corazón de Vigo. Foi proxectado polo arquitecto porriñés Antonio Palacios a comezos do século XX, e restaurado pola Caixa de Vigo en 1984. Con preto de 30 anos de experiencia na organización de actividades culturais (música, teatro, danza, cine, conferencias, exposicións etc.) e todo tipo de iniciativas relacionadas con convencións, congresos ou reunións de traballo, polo Teatro pasan anualmente unha media de 300.000 persoas.

O Museo Etnográfico Liste naceu a partir da Fundación Liste. O seu principal obxectivo é dar a coñecer e difundir o patrimonio etnográfico galego. O museo ten nove salas de exposicións con máis de 2.000 pezas á disposición do público. A sede do museo atópase na rúa Pastora 22, nun edificio civil propiedade do Concello de Vigo e cedido á Fundación Liste por un prazo de 50 anos.

A Vila romana de Toralla é unha escavación arqueolóxica a ceo aberto dunha villa (vivenda galaico-romana) convertida en exposición-museo visitábel. Na praia do Vao.

No Castro de Vigo hai un poboado castrexo museizado coa réplica de tres vivendas da época. No Monte do Castro.

O Centro de Arte Fotográfica (CAFVI), na rúa Eduardo Chao, abriu as portas en maio de 2015, expoñendo unha selección do Arquivo Pacheco.[28]

Universidade

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Universidade de Vigo.

Vigo conta co renovado, moderno e extenso Campus Universitario das Lagoas-Marcosende (CUVI) na parroquia de Zamáns, que aglutina as escolas de Enxeñaría Superior de Telecomunicacións e Industriais, de gran tradición na cidade, e a escola de Económicas e Empresariais. Así mesmo é unha das poucas universidades que ofrece a titulación de Ciencias do Mar.[29] No Campus tamén existen centros de investigación á disposición da universidade e empresas tecnolóxicas do sector.

As Escolas de Enxeñaría Técnica Industrial e de Administración de Empresas están situadas no centro da cidade.

Actividade editorial

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Actividade editorial en Vigo.
Local onde se atopaba a Imprenta de Compañel na rúa Real.

Desde o século XIX a cidade olívica foise conformando como o maior centro editorial de Galicia. As orixes da imprenta en Vigo están ligadas co crecemento da cidade, a defensa dos intereses locais e o espallamento de ideas progresistas. O 3 de novembro de 1853 o impresor Ángel de Lema y Marina publica o primeiro número de Faro de Vigo, co apoio de dous persoeiros combativos, José Carvajal e o poeta José María Posada, que afrontaron os conflitos daquel momento (o problema do lazareto da Illa de San Simón, que causou disputas coa Coruña, a emigración, a loita polo ferrocarril e a miseria do mundo agrario). En 1856 créase a Imprenta Compañel na rúa Real, rexida polo impresor Juan Compañel co apoio de Alexandre Chao e o erudito Manuel Murguía. Tratábase dunha editorial rexionalista na liña do espírito do Bienio Progresista. A editorial publicou diversos libros de ciencia, literatura, educación, pensamento e folletíns como suplemento do xornal, pero o seu título máis salientable é Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, con pé de imprenta do 17 de maio de 1863.

Pouco e pouco vai medrando a actividade editorial na cidade, pero o pulo definitivo chega logo da guerra civil, sobre todo no ámbito das editoriais galeguistas, aínda que aparecen algunhas iniciativas de edición en español que teñen interese.

En 1948 Xosé María Álvarez Blázquez e Luís Viñas Cortegoso crean o anticuario Monterrey, na rúa Pi i Margall e dous anos despois fundan Edicións Monterrey. Empezaron publicando libros de bibliofilia, entre eles o polémico Cancioneiro de Monfero, que non era a edición dun códice medieval senón poemas de estilo medieval escritos por X. M. Álvarez Blázquez. En 1951 fúndase Editorial Galaxia. O seu obxectivo era crear un espazo para a potenciación e modernización do galeguismo. Aínda que se trata dunha editorial xeneralista de carácter nacionalista, desde os seus comezos fixou a súa liña editorial, que se centraba na publicación de literatura galega, ensaio e a revista Grial.

En 1964 os irmáns Álvarez Blázquez abren un novo proxecto editorial, Edicións Castrelos, con dúas liñas editoriais fundamentais: clásicos galegos, na colección Follas Novas, e a primeira colección de cultura popular galega, Os Libros do Moucho, que publicaba libros escritos polos propios editores, especialmente Xosé María, de etnografía, obras literarias clásicas breves, curiosidades lingüísticas…

En 1960 fúndase SEPT, vinculada á fundación do mesmo nome, unha editorial especializada no libro cristián en galego. Hai que salientar a publicación da primeira edición da Biblia en galego.

En 1977 recupérase en Vigo A Nosa Terra, que nos seus comezos publica só o semanario do mesmo nome, pero logo se converte en editorial xeneralista de marcada liña nacionalista e independentista.

A chegada das autonomías contribúe a potenciar a edición en lingua galega, e con ela, a aparición de novas editoriais, que elixen Vigo como sede. En 1979 Xulián Maure Rivas e Germán Sánchez Ruipérez, responsable de Editorial Anaya, crean Edicións Xerais de Galicia, especializada nos seus comezos en literatura galega e libro de texto.

Asociacións culturais

[editar | editar a fonte]

Patrimonio natural

[editar | editar a fonte]

Ademais dos atractivos propios dunha cidade, Vigo tamén é un concello cunha ampla oferta de praia e natureza, destacando ante todo as Illas Cíes, pero tamén as praias de Samil, Canido e do Vao, os seus parques urbanos e tamén os parques forestais situados nos outeiros que circundan a cidade. Ademais ten varias importantes rutas de sendeirismo homologadas que percorren os montes e outras paraxes do municipio vigués. Na cidade atopamos varias árbores senlleiras, como a oliveira do Paseo de Afonso XII, símbolo da cidade, así como varios exemplares de camelias, faias, tulipeiros etc, no Parque de Castrelos.

Praia de Samil coa Illa de Toralla ao fondo.
  • A praia de Samil é unha das maiores praias de Vigo e a máis frecuentada por turistas e visitantes. Dispón de amplas zonas de paseo, zonas axardinadas e deportivas, piscinas e outros servizos. Ao final da avenida de Europa atópase a escultura O rapto de Europa de Oliveira.
  • A praia de Canido, situada entre a praia do Vao e Cabo Estai, dispón de zonas de paseo e zonas axardinadas, así como un porto marítimo. A pesca é unha das actividades máis desenvolvidas na zona. Posúe tamén restaurantes para a degustación de mariscos e peixe.
  • A praia do Vao, de gran calidade ambiental. No seu extremo occidental atópase a Vila romana de Toralla, unha escavación arqueolóxica a ceo aberto dunha villa (vivenda galaico-romana) convertida en exposición-museo visitábel. Ao outro lado da ponte de Toralla está a polémica Illa de Toralla.

Estas dúas últimas praias, xunto coas da Punta, O Tombo do Gato, Argazada e Fontaíña foron as praias viguesas distinguidas co galardón da bandeira azul no ano 2007.

Illas Cíes dende a Costa da Vela, Cangas de Morrazo.
Entrada ao Monte do Castro.
  • As Illas Cíes, arquipélago que forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas. Dispón de praias e cámping, e é visitable en tempada estival con barcos que parten diariamente desde Vigo e Baiona. No ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo como "praia máis fermosa do mundo".[30]
  • O Parque de Castrelos. Sito no barrio do mesmo nome, é o maior parque urbano de Vigo. Está dotado dun grande auditorio ao aire libre e zonas de paseo con estanques e variedade de especies forestais. Nel atópase o Pazo de Castrelos, propiedade do pobo de Vigo e transformado en Museo dende que en 1925 fose doado polo último descendente da familia Quiñones de León, antiga propietaria.
  • O Monte do Castro (149 m) era antigamente o Monte Feroso.[31][32] É un parque situado no centro da cidade. Ocupa o espazo dun antigo poboado fortificado (castro) do que se pode apreciar unha parte escavada en distintas intervencións arqueolóxicas, con varias construcións circulares (prerromanas) e cuadrangulares (forma proveniente da romanización). O Castro de Vigo está datado entre os séculos VI antes de Cristo ao II despois de Cristo. O mundo castrexo coincide coa chamada idade de ferro en Galicia e a romanización nos seus albores. No parque tamén se poden contemplar os restos dunha das fortificacións do século XVII que formaban parte –xunto co próximo castelo de San Sebastián e as murallas que rodeaban a cidade antiga– da estrutura defensiva de Vigo.
  • O Monte da Guía atópase no barrio de Teis. Miradoiro privilexiado sobre a ría de Vigo. Este monte foi tamén un castro, un dos 27 poboados fortificados da idade de ferro que están catalogados no concello. O seu nome débese con toda probabilidade a unha paronimia do orixinal "Monte da Aguia" pola forma castelá "Monte de la Guía" (Monte da Guía).
  • Parque Natural das Ciencias – Vigozoo. O único zoo de Galicia non é un mero recinto de exhibición, senón que constitúe un parque de ciencias naturais especializado na fauna autóctona europea e na conservación das súas especies. Así, o Parque Natural das Ciencias – Vigozoo ten como un dos seus obxectivos o traballo xenético para a recuperación de especies en vías de extinción. Ademais, o parque desenvolve traballos sobre a valoración da tensión de animais engaiolados, de anatomía comparada de grandes mamíferos, dos anfibios e réptiles, de parasitoloxía, do desenvolvemento de larvas da adaptación reprodutiva dos animais etc., adaptando a medio ás necesidades de cada exemplar.
  • Os amplos parques forestais situados nos arredores de Vigo: O Monte Alba (trátase do punto de maior altitude), o próximo Monte Cepudo, o Monte dos Pozos, o Monte de Beade, Vixiador, Madroa, Saiáns e Zamáns.
Fauna e flora
[editar | editar a fonte]
Fauna
Aves acuáticas na marisma do río Lagares.

Ademais das especies de fauna silvestre propia das cidades da Europa Atlántica, na cidade abundan especialmente as gaivotas e pombas. Nos parques tamén aniñan merlos e estorniños, así coma diferentes especies de parrulos no río Lagares. A presenza máis ou menos estable de máis dun cento de especies de aves silvestres, que adoptaron o medio urbano como residencia ou como lugar de paso habitual de aves como o folosa acuática (Acrocephalus paludicola) ou os estorniños (Sturnus vulgaris) constitúe un indicador de calidade ambiental.

Na cidade e os seus arrabaldes téñense detectados tres grandes grupos de aves. En primeiro lugar, especies acuáticas como garzas, garzotas, corvos mariños cristados, gaivotas ou algún exemplar de picapeixe. Tamén se localizaron rapaces, coma o falcón peregrino. E en terceiro lugar, especies paseriformes, pombas, pegas, pardais, merlas ou estorniños. Nos montes que arrodean a cidade hai a típica fauna do bosque litoral galego, é habitual atopar neles especies coma o lagarto arnal, o coello e incluso a raposa.

Tamén se poden ver arroaces e caldeiróns que ás veces se achegan á beiramar.

Flora

O bosque natural propio do concello estaba composto por fragas atlánticas, carballeiras, bosques de ribeira atlánticos, vexetación dunar e de litoral nas praias e uceiras nos outeiros máis altos. Coa degradación do mesmo ao longo dos séculos, este quedou reducido a pequenas tacas nos vales, sendo subtituído nas últimas décadas por piñeirais de piñeiro bravo e máis recentemente formacións de eucalipto e acacia. Con todo nos últimos anos hai unha tendencia para recuperar os bosque caducifolio orixinal por parte de varias comunidades de montes que comezaron a repoboar con bidueiros, castiñeiros, carballos, cerdeiras e outras especies autóctonas. Cómpre tamén salientar a flora do arquipélago das Illas Cíes, que contan co seu propio ecosistema, de gran riqueza ambiental, tanto terrestre coma mariña onde conviven unha gran cantidade de especies vexetais e animais. As illas considéranse ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Comunidade europea. Ademais no arquipélago moran especies de aves non mariñas, outras clases de vertebrados, especialmente de réptiles, e unha vexetación marítima moi rica.

No caso da zona urbana da cidade, esta ten aproximadamente 10 930 árbores ornamentais en prazas, avenidas e rúas (un número moi significativo xa que nesa cifra non se inclúen as especies das zonas verdes nin dos parques forestais). Nas rúas e prazas do centro da cidade salientan:[33]

Etnografía

[editar | editar a fonte]

Gastronomía

[editar | editar a fonte]
A rúa das Ostras é un lugar típico para a degustación das ostras.

A gastronomía viguesa, ao igual cá galega, caracterízase pola calidade dos seus produtos e a elaboración dos seus pratos. En Vigo pódese atopar o mellor da gastronomía do país: mariscos, peixes, carnes, vexetais, empanadas, queixos e viños.

Na cidade de Vigo pódese atopar todo tipo de establecementos. No Berbés –barrio mariñeiro da cidade– existen multitude de restaurantes típicos mariñeiros; preto do Berbés, e tamén na zona antiga da cidade, atópanse a famosa "rúa das ostras" (rúa Pescadaría) e a "rúa do polbo" (R/Laxe), nas que se poden apreciar produtos típicos da gastronomía viguesa tales como as ostras e o polbo. Ademais dos restaurantes tradicionais, na cidade olívica existen restaurantes para tódolos gustos e petos, existindo diversos tipos de restaurantes de comida rápida e internacional.

O auxe da inmigración da última década, contribuíu á introdución das gastronomías representativas dos distintos grupos culturais que foron asentando na cidade. Así existen diversos establecementos de comida chinesa, italiana, paquistaní, arxentina, xaponesa, entre outros.

O mar é o gran provedor da gastronomía viguesa. Algúns destes son cultivados, como os berberechos, as ameixas ou os mexillóns (estes últimos cultivados en grandes plataformas chamadas “bateas”; vexa miticultura); e outros apáñanse directamente do mar, como é o caso das nécoras, centolas, bois ou vieiras.

A abundancia de mariscos na ría viguesa cómpre contextualizala dentro das características que comparte coas demais Rías Baixas galegas. A situación xeográfica destas xera, en presenza de ventos do nordés, un fenómeno coñecido co nome de afloramento (upwelling en inglés), que posibilita unha extraordinaria abundancia de fitoplancto e, por conseguinte, crea unhas condicións idóneas para o desenvolvemento dos mariscos.[34]

Símbolos

[editar | editar a fonte]
Escudo da cidade.
Artigo principal: Escudo de Vigo.

A versión actual do escudo é unha copia do que adornaba a fonte de Neptuno que estivo situada noutrora na Porta do Sol. En 1917, Marcelino Domínguez Elías, cronista da cidade, expuxo no Boletín da Real Academia Galega a conveniencia de establecer como modelo oficial do escudo, a versión que continúa a estar vixente. O escudo representa un castelo de base cadrada rematado nunha torre. Ao seu carón a antiga oliveira que se atopaba no atrio da colexiata de Santa María de Vigo, todo nunha illa sobre un mar de seis franxas ondeantes representando o carácter marítimo da cidade.

Artigo principal: Bandeira de Vigo.

A bandeira de Vigo, cuxa orixe pode datar do século XIX, está formada por un diábolo vermello e o resto da bandeira é de cor branca levando no medio o escudo da cidade. A bandeira pódese ver en todos os edificios dependentes da administración municipal da cidade.

Oliveira de Vigo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Oliveira de Vigo.
Oliveira do Paseo de Afonso XII.

Vigo antigamente era coñecida como a cidade da oliva, e actualmente cidade olívica. Este cognome débese a que no atrio da colexiata de Santa María de Vigo existía na antigüidade unha grande oliveira, a cal plantouse polos cabaleiros monxes templarios na época na que se encargaban de rexer a freguesía.

A árbore desapareceu desa localización ao construírse a actual igrexa. Ao ser derrubada o administrador da alfándega de Vigo da época, Manuel Ángel Pereira, recolleu unha das súas pólas e plantouna no horto da casa de seu, a cal estaba situada na actual Porta do Sol. A árbore medrou até que o desenvolvemento da cidade obrigou a trasladala ao Paseo de Afonso XII, lugar onde se atopa actualmente.

Nesta nova localización, para protexer a árbore instalouse un enreixado de ferro; onde en agosto do ano 1932 colocouse unha placa de bronce aboando a promesa que denantes el, fixeron os vigueses de amor, lealdade e abnegación pola cidade.[1]

Cidades irmandadas

[editar | editar a fonte]

Política e goberno

[editar | editar a fonte]

Foi alcaldesa de Vigo, dende 2003 até 2007, Corina Porro, do Partido Popular (10 edís), que gobernou en minoría. Outros partidos con representación municipal nesa lexislatura foron o Partido dos Socialistas de Galicia (8 edís), Bloque Nacionalista Galego (7 edís) e Partido Galeguista (2 edís).

Tralos comicios de maio de 2007, a lista de Corina Porro foi a máis votada pero sen acadar a maioría absoluta, de xeito que o pacto entre o BNG, con Santi Domínguez á cabeza, e o PSOE permitiu ao socialista Abel Caballero pasar a ocupar a alcaldía, cargo que segue a ostentar tralas eleccións de maio de 2011, nos que de novo foi alcalde grazas ao apoio do BNG aínda que nesta ocasión sen formar parte do goberno.